Nova reunión da Comisión de Seguimento da emerxencia sanitaria na Coruña

por Redacción A Coruña

Analizáronse as ofertas recibidas para suplir o servizo de recollida de lixo na cidade

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta mañá a segunda Comisión de Seguimento da emerxencia sanitaria ante o conflicto no servizo de recollida de lixo. A rexedora estivo acompañada pola concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, a concelleira de Seguridade Cidadá e Interior, Montserrat Paz, e o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, ademais de técnicos municipais das diferentes áreas.

Esta comisión ten por obxectivo coordinar a emerxencia sanitaria declarada na cidade así como analizar o estado actual da recollida de lixo e o seguimento dos actos vandálicos que se están a producir. A Comisión de Seguimento reunirase diariamente e dará conta dos avances que se produzan. 

Incidencias 

Na tarde do martes houbo un incendio que afectou a varios contedores na rúa Londres. A queima intencionada, sofocada polos bombeiros, tivo lugar moi cerca dun hospital e na contorna dos contedores había material inflamable, co conseguinte risco para as persoas. Durante a noite non se produciu ningunha queima. Segundo os últimos recontos, arredor de 125 contedores foron queimados nas últimas semanas, cun custo total aproximado de 375.000 euros.

Proceso de contratación da empresa 

Este mércores ás 10.00 horas pechou o prazo de presentación de ofertas para as empresas interesadas en prestar o servizo de recollida, nos puntos de insalubridade identificados polo Concello. Unha vez pechado o prazo, houbo un total de dúas empresas que presentaron oferta. O Concello está a avaliar as propostas para poder pechar a contratación o antes posible. 

Por outra banda, e respecto á solicitude de reunión do comité de empresa, a comisión de seguimiento considera que non se dan as condicións para poder recibilos ante a situación de violencia e chantaxe á que o sindicato STL está a someter a cidade.

Porcentaxes de recollida por zonas da pasada noite

  •  Monte Alto: 10%
  •  Cidade Vella: 25%
  •  Pescaría: 100%
  •  Os Rosales – Labañou: 10%
  •  Riazor: 15%
  •  Ventorrillo – Agra do Orzán: 25%
  •  Sagrada Familia: 10%
  •  Sardiñeira – Elviña: 15%
  •  Os Mallos: 20%
  •  O Castrillón: 20%
  •  Os Castros: 10%
  •  Matogrande – Eirís: 10%
  •  Mesoiro – Feáns – Valaire: 25%

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario