Duralex. Por @DulceCorcu

por Dulce Corcu

Antes do xigante sueco ao que agora se dirixe media humanidade para decorar os seus fogares, incluidas as mesas, nas casas enriba delas era imposible que non houbese unha vaixela de Duralex, ou polo menos algún dos seus compoñentes. A proba de caídas e con deseños sen moita floritura ornamental, pero prácticos e robustos. A historia de miles de familias ao longo de décadas pasan polos seus pratos e vasos, desde a nenez ata aquelas vodas onde aínda se agasallaba menaxe e todo o necesario para equipar a nova casa marital, sen necesidade de perderse polos labirintos de ningunha gran superficie comercial.

Os novos tempos trouxeron non só evolución na oferta, senón tamén a pantasma da quebra, mudar de mans varias veces tanto de especuladores como de incompetentes, o peche pola subida do prezo da luz e o temor á perda dos postos de traballo que hoxe, despois dunha revolta de anos, quedan a salvo tras constituírse coma unha Sociedade Cooperativa Obreira de Produción (SCOP) e baixo o control dos propios traballadores. Coa axuda dos responsables locais da zona e da asociación ecoloxista Robin des Bois, o noso pasado seguirá formando parte do futuro no emblema francés que consegue driblar á especulación e á aposta turística, principais motores de tantos países -España entre eles- onde a xente, os seus propios habitantes, perden terreo e calidade de vida para maior riqueza dos de sempre. Duralex demostrou, tal como anunciaban dos seus produtos, ser de verdade irrompible..

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario