O BNG de Muxía denuncia o estado de deterioro do ximnasio municipal

por 21 Noticias

 Máquinas que levan meses sen funcionar, outras nun claro estado de deterioro e algunhas que atentan contra a saúde das que a usan, pesas oxidadas… Este é o balance que a veciñanza fixo chegar do estado do ximnasio municipal ao BNG de Muxía, que ante a falta de dilixencia do goberno municipal, urxe ao goberno local a poñerse a traballar canto antes para que o ximnasio municipal sexa seguro para usuarios e usuarias.

A cinta de correr non funciona; a metade das pesas de man están oxidadas a niveis que se dubida de que sexan sans; o único banco reclinable chocolea de tal xeito que o seu uso pode provocar algunha lesión; a prensa ten os soportes para os discos torTos e os seguros oxidados; a polea vertical está co cable roto e a horizontal a punto de romper (cando se sobe dos 60 Kg xa se escoita estalar); a máquina de hammer de ombreiro leva desnivelada desde hai anos e xa ten provocado algunha microlesión; a barra de dominadas está ostensiblemente torcida; hai espellos rotos que poden provocar accidentes; parte do chan está levantado e hai goteiras nalgunhas zonas. Este é o balance que os usuarios do ximnasio fan do seu estado.

No ano 2023 o Concello tivo que renunciar a unha subvención para a adquisición de equipamentos deportivos por non dar xestionado o goberno municipal o expediente en tempo e forma. En marzo deste ano, hai meses, a oposición aprobou unha modificación de crédito para a adquisición de equipamentos deportivos, porén, non se procedeu a substituír nin sequera aqueles que non funcionan desde hai meses sen que se saiba o motivo.

Moitos e moitas deportistas e usuarios de ximnasio do concello de Muxía están optando por desprazarse a outros concellos como o de Vimianzo, o de Dumbría ou o de Cee xa que o estado das instalacións e os equipamentos de calquera deles son netamente mellores que as de Muxía.

Horarios

Reclaman os usuarios que os horarios de apertura tamén son mellorables, pois o ximnasio municipal non abre en todo o fin de semana nin os venres pola tarde, outro dos motivos de que parte da veciñanza acuda a outros concellos a realizar deporte.

Estas queixas súmanse a outras sobre o estado do polideportivo municipal e doutras pistas como a de Area Maior, da que a portavoz do BNG de Muxía, Mercé Barrientos, xa denunciara en varias ocasións -tanto en escritos dirixidos ao concello como nos plenos- a presenza de equipamentos perigosos (porterías antivandálicas oxidadas e sen anclaxes que podían caer enriba de calquera usuario). A pesar de insistir desde marzo no tema, tivo que ameazar con denunciar por neglixencia para que o goberno municipal ordenara a retirada deses equipamentos xa ben entrado xullo.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario