O Espazo de Participación de Infancia e de Adolescencia da Laracha realiza un roteiro da diversidade

por Redacción A Coruña

Mediante esta actividade os nenos, nenas e adolescentes experimentaron realidades diversas en materia de accesibilidade para atopar eivas no deseño urbano da vila da Laracha.

No VI Encontro do Espazo de Participación da Infancia e Adolescencia da Laracha, celebrado no pasado mes de xuño, identificouse como cuestión relevante abordar a mobilidade e a accesibilidade no municipio. Así pois, e como contribución ao proceso de elaboración do Plan de Mobilidade Urbana e Sostible (PMUS), dende este grupo de participación acordouse a celebración dunha xornada participativa consistente nun roteiro da diversidade.

Esta metodoloxía baséase na experimentación de realidades diversas en materia de accesibilidade no referido ás mobilidades peonís para detectar necesidades e posibles propostas de mellora. Neste sentido, empregáronse diferentes materiais, como cadeiras de rodas, muletas, andadores ou vendas cos que simulaban situacións de mobilidade reducida ou redución da visión. Realizouse un percorrido de aproximadamente dous quilómetros por diferentes rúas do núcleo urbano da Laracha, con especial interese naqueles itinerarios de acceso a equipamentos frecuentados pola infancia e adolescencia (como a Biblioteca Municipal da Laracha, o CEIP Otero Pedrayo ou o IES Agra de Leborís). A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Rocío López Rey, destacou que “o carácter práctico desta xornada favoreceu que os nenos e nenas comprendesen en maior medida e se concienciasen sobre as dificultades coas que se pode atopar unha persoa con mobilidade ou visión reducida, así como da importancia de acadar unha contorna accesible”.

Durante o percorrido, os nenos, nenas e adolescentes foron en parellas, contando unha das persoas co elemento que simulaba unha dificultade á hora de desprazarse, mentres que a outra faría o labor de guía, rotando ditos roles. Á actividade asistiron un total de 18 nenos e nenas, sendo tanto membros do propio Espazo de Participación como tamén participantes do servizo de canguraxe do programa municipal Harmoniza. Así mesmo, contou coa asistencia de diferentes representantes do Concello da Laracha.

Algunhas das percepcións destacadas polos nenos e nenas participantes estiveron vencelladas ás sensacións experimentadas, como, por exemplo: o medo, a inseguridade ou os nervios. Por outra banda, identificaron diferentes situacións que dificultan os desprazamentos a pé para persoas con mobilidade ou visión reducida, como son as seguintes: a existencia de beirarrúas estreitas ou o deterioro das mesmas, a presenza de desniveis en beirarrúas debido ao acceso a garaxes ou de elementos como postes de sinais ou farolas, que dificultan o paso.

Tamén detectaron como obstáculo a falta de rebaixes en pasos de peóns ou a presenza de coches estacionados sobre a beirarrúa. Rocío López destacou que “mediante esta actividade os propios nenos e nenas participantes puideron trasladar aos diferentes representantes do Concello non só as eivas identificadas, senón tamén ideas e propostas para facer da Laracha unha vila máis accesible”, ao tempo que lles agradeceu a participación activa que desenvolveron, destacando o grao de compromiso e implicación que adquiriron durante a xornada.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario