Está aberto o prazo de inscrición para a ruta, que se celebrará o 29 de setembro e discorrerá ao longo de 10 quilómetros entre Lugo e Bascuas.
A Xunta de Galicia colabora coa I Ruta xuntos seguros, camiñamos, que organizan a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Lugo e a Garda Civil para recadar fondos a favor de Aspnais.
Celebrarase o día 29 de setembro e discorrerá ao longo de 10 quilómetros do Camiño Primitivo no municipio de Lugo. O prazo de inscrición está aberto ata o 23 do mesmo mes, cun custo de 10 euros. Tamén existe a posibilidade de mercar un Dorsal 0, ao prezo de 7 euros, que non implica a realización da andaina. O ingreso debe realizarse na conta habilitada pola organización: ES70 2080 0163 8930 4006 5919.
Os detalles da cita déronse a coñecer hoxe na Delegación Territorial da Xunta, coa participación do delegado territorial, Javier Arias; o comandante da Garda Civil de Lugo, Carlos Barceló; o presidente da Asociación Amigos do Camiño, Ángel Trabada, e o presidente de Aspnais, José Reigosa.
Os participantes reuniranse ás 9.00 horas da mañá na Praza de Bretaña para ser trasladados en autobús ata o punto de partida, Bascuas, onde iniciarán o percorrido a pé que os traerá de novo de volta á cidade.
Javier Arias gabou a iniciativa das entidades organizadoras co obxectivo de “axudar a Aspnais a levar a cabo o seu imprescindible labor, para o que sempre contará co apoio da Xunta”.