Luis Yang gaña o I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024

por Redacción Galicia

Este I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego recibiu un total de 57 proxectos, con 54 publicacións válidas, que o público poderá ver e ler na Expofanzines que acollerá Viñetas desde o Atlántico 2024 no Palexco da Coruña do 12 de agosto ao 30 de setembro

O I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024, promovido pola Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, xa ten gañador. Luis Yang alzouse co galardón grazas á súa obra Sunny 16. O xurado especializado do certame, integrado polos profesionais María Gil, historiadora da arte e investigadora; Brais Rodríguez, ilustrador e profesor; e Toño Vilaverde, libreiro especializado, decidiu outorgarlle, tamén, un accésit con diploma a Gemma Pérez, pola súa obra ‘Mi nick era #humeda’.

Este I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024 recibiu un total de 57 proxectos, con 54 publicacións válidas. Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines Macheta 7, da Asociación Artístico-cultural Huhú e Asociación Teixo; Así somos, de Raquel Montero; e sólo una vez más, de Aisha Rey. O público poderá ver e ler todas as obras presentadas a concurso na Expofanzines que acollerá o festival Viñetas desde o Atlántico 2024 no Palexco da Coruña do 12 de agosto ao 30 de setembro.

O I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego consta dunha dotación económica de 1.250 euros e un trofeo realizado pola escultora, deseñadora e pintora de modelos en producións de Stop Motion Laura Pazos. A creadora deseñou unha colección de catro esculturas destinadas a ser pintadas cada ano por un artista diferente como parte da recompensa á persoa gañadora do certame. Nesta primeira edición, Aisha Rey (gañadora do Combate de Debuxantes de Autobán 2023) foi a encargada de pintar o trofeo para que sexa unha peza única.

O I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024 é un novo certame pioneiro no sector da autoedición, que nace co desexo de recoñecer o mérito dos creadores independentes do país. Está dirixido todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 15 de maio de 2024, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que o/a autor/a ou a maioría dos/as compoñentes do colectivo sexan de orixe galega ou estean fincados/as en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine eran libres.

ACTA DO XURADO DO I PREMIO AUTOBÁN AO MELLOR FANZINE GALEGO

Unha vez estudadas e analizadas todas as propostas admitidas, o xurado por unanimidade acorda outorgar os seguintes premios aos seguintes proxectos:

• I PREMIO AUTOBÁN: Sunny 16, de Luis Yang.

O xurado outorga o I Premio Autobán a Sunny 16, de Luis Yang, polo xeito no que reflexiona sobre como a fotografía constrúe á vez que obstrúe o recordo. Trátase dun fanzine coidado tanto pola proposta estética como polo acabado e a edición. O xurado destaca que o seu elemento diferencial é a forma na que conviven a fotografía e o debuxo e o poder evocador que resulta desta interacción. Tamén se tivo en conta a traxectoria vinculada ao fanzine e á autoedición do autor, que leva anos traballando este tipo de formatos, nos que se mestura fotografía e debuxo.

• Accésit con diploma: Mi nick era #humeda, de Gemma Pérez.

O xurado sinala que «Mi nick era #humeda» de Gemma Pérez é precisamente o que se nos ven á cabeza cando pensamos na palabra «fanzine». Destaca polo seu uso do deseño gráfico, a súa edición coidada, a narrativa e o compromiso social abordado desde a vivencia persoal e o sentido do humor. «É o inicio á sexualidade dunha nena que logo se transforma».

• Mencións:

Macheta 7, da Asociación Artístico-cultural Huhú e Asociación Teixo, pola súa homenaxe ao punk.

Así somos, de Raquel Montero, polo seu aspecto táctil.

sólo una vez más, de Aisha Rey, polo seu emprego sensible da sinestesia.

Todas as publicacións presentadas ao certame formarán parte de:

• A exposición ExpoFanzines do Viñetas desde o Atlántico do ano 2024.

• A sección de fanzines da Biblioteca de Estudos Locais da Coruña.

EXPOFANZINES NO VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2024

O público poderá ter acceso ás máis de 50 publicacións participantes no I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024 tanto a través da exposición que organiza o festival Viñetas desde o Atlántico no Palexco do 12 de agosto ao 30 de setembro de 2024, como no fondo permanente que se poderá consultar na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña. 

En palabras da Asociación Autobán, «esta mostra, e o palmarés en particular, ofrecen unha precisa radiografía dun movemento vizoso e inclasificable, sorprendentemente ecléctico e militante, que trata todo tipo de temáticas adultas con multitude de técnicas e enfoques. Botando un ollo a estas páxinas, evidénciase unha certeza: estas artistas chegarán lonxe, hai canteira en Galicia (e en galego). Esperamos con ilusión que o Premio Autobán se manteña e que, edición a edición, a colección de fanzines da Coruña non deixe de crecer e de documentar os cambios e transformacións dun medio orgullosamente mutante, desbordante de imaxinación e con potencial para seguir explorando».

SOBRE AUTOBÁN

Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas. 

A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O Festival Autobán propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración. 

Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.

MÁIS INFORMACIÓN

https://www.autoban.gal/premio24
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario