Néstor Rego reuniuse en Lugo con veciñas e veciños afectados pola planta de biometano

por Redacción Lugo

O BNG solicitou o informe emitido pola CHMS, «un primeiro paso para paralizar este proxecto», segundo explicou o deputado do BNG no Congreso

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visitou Lugo na xornada de onte, onde mantivo un encontro con veciñas e veciños dos núcleos de poboación próximos a onde está proxectada a construcción dunha planta de biometano. Rego afirmou que o BNG seguirá apoiando á veciñanza nas súas mobilizacións en contra deste proxecto e anunciou que o BNG traballará «para que o Estado non facilite fondos europeos a esta iniciativa que será nociva para un gran número de veciñas e veciños de Lugo». Rego estivo acompañado polo portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e pola deputada do BNG no Parlamento Galego Montse Valcárcel.

O BNG solicitou no Congreso o informe emitido pola CHMS, un documento que valora negativamente o proxecto e que será vinculante para a autorización ambiental da Xunta de Galiza. O documento da  CHMS valora o negativamente o sistema proxectado para o tratamento das augas residuais, que non garantiría que os verquidos non supoñan un risco para o medio, «hai que ter en conta tamén que este proxecto se ubicará en terreo rústico de protección forestal, polo que a valoración de impacto ambiental debe ser o máis exhaustiva posible», afirmou Néstor Rego, que criticou que «ao declarar este proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, redúcense os prazos administrativos, mais o verdadeiramente importante é garantir que esta planta non afecte á calidade de vida da veciñanza nin á biodiversidade da contorna».

Rubén Arroxo destacou que «desde o BNG seguiremos apoiando ás veciñas e veciños en todos os pasos que den para evitar a construcción desta planta». Arroxo destacou que desde un primeiro momento, o BNG apoiou á veciñanza afectada por este proxecto, colaborando tanto nas mobilizacións como na recollida de centos de alegacións presentadas ao longo do prazo establecido pola Xunta de Galiza. O portavoz do BNG criticou que «a declaración deste proxecto como iniciativa empresarial prioritaria supón unha alfombra vermella posta pola Xunta para que esta empresa poida executar o seu proxecto reducindo os trámites administrativos e sen ter en conta a afección que esta planta poida producir ás veciñas e veciños»

Rubén Arroxo lembrou que o pasado venres o pleno municipal aprobou por unanimidade instar á Xunta a que promova a paralización da planta de Biometanización proxectada en Coeses. O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha ubicación alternativa «que non afecte a ningún núcleo de poboación». 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario