O Goberno galego financia ata o 75% dos gastos de contratación deste servizo de competencia municipal a través dunha orde de subvencións dotada con 1,5M€
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, o servizo de vixilancia, rescate e salvamento de Cangas. O Goberno galego destinou á contratación dos profesionais de socorrismo que prestan este servizo este verán no concello cangués unha achega de 35.000 euros, unha das maiores contías a nivel autonómico, e a mesma que Vigo, Ribeira e O Grove.
O municipio de Cangas é un dos oito concellos da área de Vigo beneficiarios da orde de axudas da Xunta dotada con 1,5 millóns de euros e destinada a municipios galegos para axudarlles a sufragar os gastos derivados da contratación de profesionais de socorrismo en espazos e instalacións acuáticas.
Xunto con Cangas, tamén recibirán este apoio na área viguesa os municipios de Vigo, Moaña, Mos, Pazos de Borbén, Redondela, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño, o que suma unha achega de máis de 123.700 euros.
Segundo lembrou a directora xeral de Administración Local, pese a que o servizo de socorrismo é competencia municipal, a Xunta pretende con esta convocatoria garantir a súa prestación por parte das entidades locais nas épocas de maior concorrencia, como é a tempada estival. De feito, a orde subvenciona os custos derivados da contratación deste persoal no período entre o 1 de xuño e o 30 de setembro e abarca un financiamento de ata o 75% dos gastos cun máximo de 35.000 euros, como é o caso de Cangas, ata o 50% do orzamento presentado, con axudas de ata 10.000 euros.
A diferencia de convocatorias anteriores nas que se esixía ao persoal estar en situación de desemprego e figurar no Servizo Público de Emprego, nesta ocasión amplíase a cobertura ao persoal propio da entidade local que presta o do servizo de vixilancia, rescate e salvamento como á prestación a través dunha empresa externa.
Cómpre engadir que, tamén de cara a época estival, a Xunta conta con outras medidas para garantir a seguridade nos municipios máis turísticos como é o caso das subvencións para a contratación de auxiliares de Policía Local, que este ano chega a 11 municipios, entre eles Cangas, cun apoio de 10.000 euros debido a que as prazas de aloxamento en comparación coa poboación é superior ao 15%.