A Xunta mellora a eficiencia no control das augas subterráneas ao unificar a recollida de mostras e a súa análise a través do Laboratorio de Medio Ambiente

por Redacción Galicia

Ángeles Vázquez explica que o Goberno autonómico destinará 620.000 euros nos vindeiros dous anos ao LMAG para levar a cabo o control en 76 puntos coa realización de 456 mostras e preto de 14.100 analíticas anuais.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, anunciou hoxe que a Xunta mellorará a eficiencia no control das augas subterráneas na Demarcación Hidrográfica Galicia Costa ao unificar a recollida de mostras e a súa análise a través do Laboratorio de Medio Ambiente co obxectivo de garantir a súa calidade e cantidade a longo prazo.

Logo de indicar que ata o de agora este labor de control o realizaban de xeito conxunto as consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e de Sanidade, Ángeles Vázquez explicou que o Goberno autonómico destinará 620.000 euros nos vindeiros dous anos ao Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia (LMAG) para levar a cabo o control en 76 puntos -entre pozos, fontes e mananciais- coa realización de 456 mostras e preto de 14.100 analíticas anuais.

Así, o LMAG será o responsable da toma de mostras, do seu transporte e custodia ata as instalacións do laboratorio -tanto á sede da Coruña como á de Pontevedra-, onde se farán as análises pertinentes. A entrega dos resultados realizarase periodicamente, cun formato compatible coas bases de datos de Augas de Galicia, o que facilitará a xestión da información obtida e a toma de decisións relacionadas coa vixilancia das augas subterráneas. Tal e como subliñou a conselleira durante a visita que realizou hoxe ao LMAG, o obxectivo é asegurar a calidade e a sustentabilidade deste recurso hídrico a longo prazo así como protexer a saúde pública e o medio ambiente.

Cómpre lembrar que as augas subterráneas supoñen unha reserva natural de auga doce que pode ser utilizada para o abastecemento de auga potable, a agricultura ou a industria e que, ademais, a través da súa interacción coas augas superficiais, contribúen ao caudal dos ríos e lagos, o que resulta de grande importancia en períodos de seca. Polo tanto, unha xestión integrada dos recursos hídricos debe considerar tanto as augas superficies como as subterráneas para manter un equilibrio sustentable.

De feito, a calidade das augas subterráneas galegas ten sido obxecto de seguimento e análises continuas, o que permite constatar unha mellora na súa calidade nos últimos anos grazas ás políticas de xestión e protección desenvolvidas pola Xunta.

Centro de referencia nacional e internacional

Nese senso, a conselleira fixo fincapé no gran traballo que vén realizando o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia nos seus máis 30 anos de traxectoria, que o converteu nun referente nacional e internacional na investigación, na vixilancia ambiental e na loita contra o cambio climático.

Logo de salientar que o labor do LMAG permite mellorar os servizos e calidade de vida da cidadanía e executar os programas de seguimento ambiental definidos pola lexislación europea, Ángeles Vázquez puxo en valor que as súas actividades contribúen en gran medida aos resultados acadados por Galicia no cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS), nos que a Comunidade supera a media nacional en máis dun 75% en eidos clave como a auga e o saneamento ou a biodiversidade dos ecosistemas terrestres.

E para seguir reforzando ese papel clave o Goberno galego investiu preto de 800.000 euros na mellora da sede da Coruña co obxectivo de reducir o consumo de enerxía primaria non renovable nun 30%.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario