Un traballo de vinte anos de Óscar Requejo e N. Floro Andrés recolle 91 especies diferentes de mixomicetos que habitan os ecosistemas galegos
MycoGalicia Plantae, socia do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida e Empresa de Base Tecnolóxica (EBT) da Universidade de Vigo, xunto co Grupo Micolóxico Galego Luis Freire, inician o proceso de lanzamento da guía Mixomicetos de Galicia e norte de Portugal, unha publicación pioneira e única na Península Ibérica e que recolle 91 especies diferentes. Os autores son Óscar Requejo Martínez, micólogo, micófilo e presidente do Grupo Micolóxico Galego Luis Freire; e N. Floro Andrés Rodríguez, doutor en Farmacia, membro da Real Academia de Farmacia de Galicia, do Grupo Berbés de Investigación e integrante, desde 1992, do Grupo Micolóxico Galego Luis Freire.
Pero, que son os mixomicetos? Segundo os promotores de MycoGalicia Plantae trátase «de seres vivos marabillosos e enigmáticos, de vivas cores e interesantísima bioloxía». Son organismos multicelulares que pertencen ao reino Protista, no que tamén están os protozoos e as amebas. A denominación de Myxomycetes provén do grego (myxo: mucoso e mykes: fungo) e equivale a fungos mucosos, o que describe de maneira gráfica o seu aspecto. Pódense atopar nos ecosistemas terrestres e, en consecuencia, nos bosques galegos e do norte de Portugal. A guía cataloga máis de 90 especies de mixomicetos.
Os interesados xa poden encargala
A guía Mixomicetos de Galicia e norte de Portugal xa superou a fase de maquetación. A impresión está prevista para os meses de agosto e setembro de 2024. MycoGalicia Plantae abriu un proceso de prevenda da publicación. Con que motivo? Para que os interesados poidan reservar e garantir que contarán cun exemplar, xa que a cantidade de guías dispoñibles dependerá da demanda. A publicación, de máis de 300 páxinas en galego, pódese mercar xa na web de MycoGalicia Plantae. O seu prezo: 25 euros.
Ao longo de 20 anos e durante moitas horas de saídas ao campo e estudo no laboratorio e na biblioteca seguindo a estes interesantes seres, os autores da publicación, Óscar Requejo Martínez e N. Floro Andrés Rodríguez, foron adquirindo coñecemento e empapándose de información. O resultado: a guía Mixomicetos de Galicia e norte de Portugal.
Nesta publicación, na que traballaron durante cinco anos, xuntaron información sobre a súa bioloxía, características macro e microscópicas, distribución en Galicia e no norte de Portugal e tamén atoparon moitas novas especies que por primeira vez se describen neste territorio. Non hai en España ningunha guía destas características que axude a identificar mixomicetos doutras comunidades autónomas.
Como se estrutura a guía? Na primeira parte fálase sobre características biolóxicas, estruturas vexetativas, ciclo biolóxico, ecoloxía, onde viven e en que época frutifican. Inclúese a historia do seu estudo en Galicia, desde a primeira mención dun mixomiceto no ano 1951. Analízanse tamén os seus aspectos etnolóxicos, é dicir, a relación que os ser humano mantén cos mixomicetos, ás veces sorprendente. Dedícase un capítulo aos métodos e técnicas para o seu estudo. Outro apartado describe, por orde alfabética, as 91 especies identificadas. A guía tamén inclúe un glosario de termos científicos e un índice de especies e xéneros.