O PP pide acceso ao inventario dos bens da Deputación almacenados na nave de Begonte e a posta a disposición dos Concellos do material “que lle poida resultar útil”

por Redacción Lugo

A nave do polígono de Carral alberga de forma descoidada dende embarcacións de todo tipo a diversa maquinaria, elementos de balizamento, para parques infantís ou a práctica de deporte.

O Grupo Provincial Popular pedirá acceso ao inventario dos bens que a Deputación de Lugo ten almacenados na nave do polígono de Carral, en Begonte; e tamén solicitará a posta a disposición dos Concellos do material que alberga e lles puidera resultar útil.

O portavoz, Antonio Ameijide, explica que “despois de meses de espera e de ter que recorrer á Valedora do Pobo porque o presidente Tomé denegaba a entrada aos deputados populares en edificios públicos, conseguiamos entrar na nave titularidade da Deputación o pasado mes de xuño, cando puidemos comprobaron que o goberno provincial a converteu nunha especie de vertedoiro”.

De feito “estábanse a deteriorar moitos e variados elementos -embarcacións de todo tipo como veleiros ou lanchas pneumáticas, diversa maquinaria, elementos de balizamento, de xogo de parques infantís ou para a práctica de deporte- que, nalgúns casos, poderían resultar útiles para os Concellos”.

Os deputados populares xa pediran a posta en valor da nave e dos elementos que almacena a mediados do mes de xuño e cren que, “unha vez realizado o inventario, poderase coñecer con exactitude o material almacenado e determinar cal se podería poñer a disposición dos Concellos”.

Ameijide lembra que “foi ante a nosa insistencia por coñecer o interior da nave,  cando o goberno provincial se preocupou de facer un mínimo mantemento deste espazo e acordou a elaboración dun inventario dos bens que alberga e que lle encargou a Tragsa”, explica o popular.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario