Arqueólogos do CSIC mapean o Castro de Montes Claros mediante o emprego de sensores montados en drons

por 21 Noticias

O Castro de Montes Claros continúa sendo obxecto de actuacións que están a levar a cabo o equipo de arqueólogos do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), centro pertencente ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

Nesta semana o traballo consistiu en mapear tanto o xacemento como a súa contorna mediante o emprego de dous tipos de sensores montados en drons.

O sensor LIDAR é un láser que realiza o varrido do terreo desde o aire producindo un mapa en 3D da superficie. Aporta un grande detalle xa que recolle 500 puntos por cada metro cadrado, cada un deles coas correspondentes coordenadas e, por tanto, cunha alta precisión. Isto permite obter unha topografía de alta calidade do terreo na que se aprecian ata as mínimas variacións na superficie, o que pode indicar a existencia de estruturas arqueolóxicas. LIDAR tamén ten a vantaxe de que co seu láser pode traballarse con eficiencia en zonas arboradas ou con vexetación se non é moi densa.

O outro sensor empregado foi o multiespectral, que se asemella a unha cámara fotográfica e que é capaz de capturar a radiación infravermella que non é visible para o ollo humano. Dita radiación é absorbida polas plantas de xeito variable, e grazas a ela pódense apreciar os lugares nos que o cultivo ou a herba presentan menor vigorosidade, o que tamén pode ser un indicador da presenza de estruturas arqueolóxicas soterradas. Aínda que o éxito deste sensor depende de moitas variables, os investigadores agardan que poida achegar información de interese.

Estas intervencións complementan á prospección xeofísica realizada meses atrás dentro do proxecto Hinterland. Os resultados de todos estes traballos definirán as zonas de maior interese para executar novas actuacións arqueolóxicas máis detalladas no próximo outono, sempre coa colaboración do Concello da Laracha.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a edil Rocío López, coñeceron de primeira man a intervención realizada cunha visita ao Castro de Montes Claros, onde mantiveron un encontro co equipo de arqueólogos do proxecto Hinterland, financiado pola Axencia Estatal de Investigación e co-dirixido por César Parcero Oubiña e David González Álvarez, así como con Puri Soto, a directora do proxecto de recuperación e posta en valor do sitio. Os representantes municipais tamén presenciaron o voo dos drons sobre o Castro de Montes Claros.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario