«A previsión é que esta nova infraestrutura acolla catro superficies de xogo, habilitadas para practicar fútbol sala, baloncesto, minibasket e voleibol», apuntou hoxe a alcaldesa, Inés Rey.
Este mércores, a Xunta de Goberno Local aprobará a licitación das obras de construción da nova pista multideporte dos Rosales, unha intervención coa que o Goberno de Inés Rey dará resposta a unha demanda da veciñanza do barrio que foi valorada moi positivamente nas convocatorias de Orzamentos Participativos.
A alcaldesa informou esta mañá sobre as principais características deste novo equipamento deportivo, que se construirá en dúas parcelas de titularidade municipal que están situadas entre a estrada dos Fortes e a rúa Simón Bolívar, camiño do monte de San Pedro.
«A previsión é que esta nova infraestrutura acolla catro superficies de xogo, habilitadas para practicar fútbol sala, baloncesto, minibasket e voleibol», indicou Inés Rey.
A instalación contará cun sistema de iluminación, peches perimetrais e tamén interiores, que permitirán independizar espazos e, polo tanto, evitar a interferencia entre as persoas que estean a usar unha pista ou outra. Na contorna da pista tamén haberá unhas bancadas ideadas como un espazo de lecer para as e os usuarios.
Ademais, habilitaranse dous accesos peonís desde a estrada dos Fortes, adaptados a persoas con mobilidade ou visibilidade reducida.