O deputado de Avance Dixital, José Ramón Rioboo, visitou hoxe o servizo de Administración Electrónica coa subdelegada do Goberno, María Rivas.
O deputado de Facenda, Recursos Humanos, e Avance Dixital, José Ramón Rioboo, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, visitaron hoxe o servizo de Informática e Administración Electrónica da Deputación da Coruña para coñecer os detalles do proxecto de transformación dixital e modernización dos sistemas de xestión do padrón municipal nas entidades locais para o que a Deputación da Coruña vén de obter unha achega de 1,5 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.
Segundo o publicado o pasado día 24 no Boletín Oficial do Estado, a Deputación da Coruña obtén esta axuda dentro dunha convocatoria que deixaen Galicia, 4.020.000 euros, para levar a cabo o proxecto “Cara o padrón online: novo modelo de xestión da información territorial na provincia”.
Ambos resaltaron que o padrón municipal é un rexistro de gran importancia, por canto a inscrición nel supón o requisito previo e imprescindible para que as persoas poidan ter acceso, con todas as garantías, ao uso dos servizos públicos de educación, sanidade e servizos sociais nun municipio, e ao exercicio do dereito de sufraxio, entre outros aspectos.
O deputado de Avance Dixital, José Ramón Rioboo, indicou que “o proxecto de implantación do padrón online permitirá a actualización instantánea da información dos padróns municipais, o que suporá maior axilidade, seguridade e transparencia nos trámites da cidadanía e dos concellos”. Rioboo explicou que o proxecto enmárcase dentro da Estratexia Dixital da Deputación da Coruña, que ten como prioridade a implantación dunha Administración totalmente dixital adaptada ás Entidades Locais, situando á cidadanía no centro da actividade administrativa, a través de máis e mellores servizos interactivos que axilizan os trámites administrativos e que garanten a eficiencia da administración dixital a nivel local.
Pola súa banda, María Rivas destacou tamén a importancia do padrón e sinalou que “é preciso dotalo dun réxime de xestión e actualización de datos rápido, áxil e con garantías, co fin de permitir á cidadanía acceder a todos os servizos do municipio onde residen, e reducir ao mínimo os riscos derivados dunha incorrecta inscrición”. Polo tanto “a modernización do padrón tamén incidirá nunha mellor elaboración de políticas públicas como as relativas a fiscalidade, servizos sociais ou axudas á rehabilitación, de tal xeito que unha vez máis o Goberno pon no centro a atención ás persoas, neste caso, especialmente ás que viven nos concellos de menos de 20.000 habitantes”, indicou a subdelegada.
O investimento de 1,5 milóns de euros servirá para abordar o proceso de transformación dixital que permita aos concellos da provincia mellorar e actualizar os seus padróns municipais conforme aos parámetros definidos polo Instituto Nacional de Estatística. Doutra banda, implementará sistemas tecnolóxicos que permitan a actualización instantánea da información no padrón de habitantes. A devandita actualización en tempo real pode expor riscos importantes, polo que a participación da Deputación da Coruña garantirá a infraestrutura necesaria para asegurar a protección e confidencialidade dos datos durante o proceso de actualización.
A través desta axuda do Plan de Recuperación a Deputación da Coruña ofrecerá asesoramento e acompañamento para implementar o proxecto da forma máis eficiente posible, especialmente aos concellos de menos de 20.000 habitantes, que carezan de capacidade para implantar o padrón en liña con recursos propios.