Abel Losada fixo un chamamento á prudencia e transparencia, recordando a Rueda que «aínda ten pendente xustificar o sobrecusto de 470 millóns de euros na construción do hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo, unha cifra, esta si, auditada e cuantificada que representa unha responsabilidade política evidente”.
O responsable de Economía e Emprego da Executiva do PSdeG, Abel Losada, respondeu hoxe con contundencia ás declaracións de onte do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre o financiamento autonómico, acusándoo de difundir información sen contrastar e de actuar en contra dos intereses das galegas e dos galegos en beneficio do Partido Popular.
Abel Losada desmentiu rotundamente as afirmacións de Rueda, quen sostivo que Galicia perdería 444 millóns de euros anuais no novo escenario de financiamento. “Deixen xa de mentir, saben perfectamente que Galicia non perderá un só euro, todo o contrario,” afirmou Losada, subliñando, por outra banda, que o que si é certo é que Galicia recibirá este ano un total de 9.374 millóns de euros en concepto de entregas a conta, a cifra máis alta da historia. Esta contía supón un incremento do 67 % respecto aos 8.788 millóns de euros recibidos en 2023.
Ademais, ao sumarse a liquidación do exercicio de 2022, Galicia dispoñerá dun total de 10.576 millóns de euros este ano, o que representa 1.177 millóns máis que o ano anterior. Estes datos, segundo Losada, «demostran o compromiso do Goberno de España coa suficiencia de recursos para todos os territorios, garantindo así a máxima calidade na prestación dos servizos públicos».
O socialista acusou a Rueda de seguir unha estratexia de “economía ficción,” afirmando que as súas declaracións sobre a perda de 444 millóns de euros son insostibles, xa que o modelo de financiamento non está pechado e os datos non son coñecidos. Losada destacou que esta actitude de Rueda responde máis aos intereses de Feijóo e do PP a nivel estatal que aos intereses dos galegos.
Neste senso, fixo un chamamento á prudencia e transparencia, recordando a Rueda que «aínda ten pendente xustificar o sobrecusto de 470 millóns de euros na construción do hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo, unha cifra, esta si, auditada e cuantificada que representa unha responsabilidade política evidente». Ademais, instou a Rueda a explicar o destino dos 1.500 millóns de euros en fondos europeos recibidos a través do Goberno de España, e a facelo con total transparencia para que os axentes económicos e sociais de Galicia coñezan o uso deses recursos.
O PSdeG concluíu instando ao Goberno da Xunta a deixar de difundir información non contrastada e manipulada e a centrarse na realidade, que é favorable para Galicia grazas ao actual sistema de financiamento. “Galicia só perde cando goberna o PP,” subliñou Losada, facendo referencia á mala xestión do Partido Popular, tanto a nivel autonómico como estatal.