A alcaldesa, Inés Rey, recibiu ás formacións e destacou que o certame “é un dos eventos máis especiais e imprescindibles das Festas de María Pita”.
A alcaldesa, Inés Rey, recibiu esta mañá no palacio municipal de María Pita ás catro formacións que participarán desde hoxe e ata o domingo 11 no Festival Internacional de Folclore Cidade da Coruña. Trátase do Ballet de Arte Folclórico Argentino (Arxentina), Sun A Arts Company (Corea do Sur), a Compañía Nacional de Danza Folclórica (México) e a Asociación de Coros e Danza Eidos (A Coruña). A rexedora estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e o presidente de Eidos, Javier Carro.
«Este Festival Internacional de Folclore é, sen dúbida, unha das citas máis especiais e imprescindibles das nosas Festas de María Pita», sinalou Inés Rey durante a súa intervención. A alcaldesa destacou o importante papel a prol da «diversidade e a promoción do patrimonio cultural internacional» que ten este certame, que celebra a súa edición número 37 neste 2024. «Durante uns días os coruñeses e coruñesas terán a oportunidade de coñecer a esencia de diferentes culturais, as súas costumes, traxes, vestimentas e tradición oral e musical», dixo Rey.
O Festival Internacional de Folclore Cidade da Coruña celebrarase entre hoxe, mércores 7, e o domingo 11 ás 20.00 horas no escenario da praza de María Pita. Alí, as diferentes compañías levarán a cabo actuacións de media hora nas que amosarán a súa tradición cultural. Ademais, cada día a partir deste xoves, ás 19.15 horas, levaranse a cabo actuacións en diferentes puntos da cidade para animar aos coruñeses e coruñesas a asistir a María Pita.
A alcaldesa entregou durante a recepción oficial un agasallo a cada compañía, ao igual que fixeron estas co Concello. Rey quixo tamén felicitar á Asociación de Coros e Danza Eidos polo seu traballo na organización deste certame.