A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores as licenzas que habilitarán a Xunta de Galicia a acometer melloras nas instalacións dos IES Ramón Otero Pedrayo e Salvador de Madariaga.
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que o Goberno municipal lle deu luz verde á construción do novo centro de día da Asociación de Dano Cerebral da Coruña (ADACECO) en Eirís, un paso fundamental para cumprir coas demandas da entidade.
Cómpre lembrar que, como paso previo, o Concello formalizou en agosto de 2019 a cesión á entidade dun terreo municipal localizado na parcela núm. 45 do API R31 de Eirís, por un período de 75 anos. Xa posteriormente, este mesmo ano, o Goberno de Inés Rey levou ao pleno de marzo a aprobación definitiva do estudo de detalle, que foi aprobado por unanimidade.
Agora, coa concesión da licenza, o Concello abre camiño á construción da edificación, que se executará nunha parcela de case 2.000 metros cadrados situada entre as rúas Solís e Eirís de Arriba. O centro de día terá unha planta baixa e dúas alturas.
Foi un dos asuntos máis destacados na orde do día, na que tamén se deu conta das licenzas concedidas polo Concello entre o 19 de xullo e 1 de agosto, cun balance de 28 licenzas urbanísticas e 102 obras en réxime de comunicado.
Impulso ás melloras nos centros educativos da Coruña
Neste sentido, tamén este mércores, a Xunta de Goberno Local validou a concesión de dúas licenzas á Xunta de Galicia para acometer melloras en dous centros educativos da Coruña: a primeira, para a renovación de fachadas e a substitución de cuberta nas aulas do IES Ramón Otero Pedrayo, entre os barrios de Monelos e Elviña; e a segunda, para renovar as cubertas, substituír as carpinterías e reparar as fachadas do IES Salvador de Madariaga, na Cidade Escolar.
Investimentos en instalacións deportivas por valor de 800.000 euros
Como xa adiantou a alcaldesa o pasado luns, a Xunta de Goberno aprobou tamén este mércores a licitación dos traballos de mellora no campo de fútbol Víctor Fernández Alonso, a Leyma, onde a superficie de xogo será renovada por un céspede artificial de última xeración. Tamén se substituirán as porterías de fútbol 11 e fútbol 7, así como as marquesiñas dos bancos. Ademais, o Concello acometerá a remodelación dos espazos de paso ao edificio de vestiarios e tamén ás bancadas, para mellorar a accesibilidade universal a estes puntos.
Ademais, hoxe fíxose efectiva a apertura dos trámites para contratar as obras de construción da nova pista multideporte do barrio dos Rosales, que se construirá en dúas parcelas de titularidade municipal situadas entre a estrada dos Fortes e a rúa Simón Bolívar, camiño do monte de San Pedro. A previsión é que esta nova infraestrutura acolla catro superficies de xogo, habilitadas para practicar fútbol sala, baloncesto, minibasket e voleibol.
Por outra banda, o Concello aprobou o plan de intervencións para mellorar a seguridade peonil e a accesibilidade en diversos puntos da Cidade Deportiva da Torre – Arsenio Iglesias. Entre as actuacións previstas está a renovación das barreiras de protección que hai na contorna dos campos de fútbol, medida á que se sumará a remodelación de diversos tramos de escaleiras e ramplas da Cidade Deportiva, para facelas máis accesibles ás persoas usuarias.
O Goberno de Inés Rey ten previsto destinar algo máis de 800.000 euros ao conxunto destas tres intervencións na Leyma, Os Rosales e a Cidade Deportiva da Torre – Arsenio Iglesias.
Adxudicación das obras de conexión entre a Sardiñeira e avenida de Arteixo
Ademais, e tal e como informou Inés Rey a inicios desta semana, hoxe adxudicáronse á empresa Vázquez y Reino as obras de urbanización do viario que conectará a avenida da Sardiñeira coa avenida de Arteixo, unha intervención que forma parte dos compromisos asumidos polo Goberno municipal no contexto das obras de construción da nova estación intermodal da Coruña.
A construción deste novo viario prevese fundamental por dous motivos: o primeiro, para garantir unhas conexións adecuadas entre as dúas avenidas, mellorando así a accesibilidade ao barrio dos Mallos; e por outra banda, porque con esta intervención poderase absorber o tráfico específico que teña como orixe ou destino a propia intermodal -xa que a práctica totalidade de liñas de autobús accederán á estación por este acceso- o que lle dará unha maior fluidez ao tráfico rodado nun dos principais puntos de acceso á cidade.
O Concello levará a cabo un investimento de 2,1 millóns nesta intervención que, desde a posta en marcha dos traballos, deberá completarse nun prazo de 18 meses.