Esta carencia viuse reflectida en incidentes recentes, como o ocorrido en Vilagarcía, onde un mozo gravemente ferido nun accidente cun patinete eléctrico tivo que ser atendido por un equipo médico que foi trasladado nun vehículo da Policía Local
A deputada socialista Paloma Castro denunciou publicamente a preocupante situación que se está vivindo na comarca do Salnés tras o traslado da ambulancia medicalizada do Hospital do Salnés ao Centro de Saúde de Baltar, en Sanxenxo, durante a tempada estival. Esta decisión, tomada polo Sergas, deixou a Vilagarcía de Arousa e a outros municipios da comarca totalmente desprotexidos nun momento en que a poboación aumenta significativamente debido ao turismo.
«A decisión de priorizar a atención sanitaria en Sanxenxo, desprotexendo a Vilagarcía e a outras localidades do Salnés, é inaceptable, especialmente cando a ambulancia medicalizada é vital para atender casos graves como infartos, ictus ou accidentes de tráfico», declarou Paloma Castro. A deputada lembrou que a ambulancia medicalizada actúa como unha UCI móbil, proporcionando unha resposta inmediata en situacións críticas ata o traslado ao hospital.
Esta carencia viuse reflectida en incidentes recentes, como o ocorrido en Vilagarcía, onde un mozo gravemente ferido nun accidente cun patinete eléctrico tivo que ser atendido por un equipo médico que foi trasladado nun vehículo da Policía Local debido á ausencia da ambulancia medicalizada. «Este tipo de situacións son intolerables e poñen en risco a vida dos nosos cidadáns», engadiu Castro.
Desde o grupo parlamentario socialista rexistrouse unha iniciativa no Parlamento de Galicia, na que se esixe a reposición inmediata desta ambulancia no Hospital do Salnés, mantendo outra de apoio en Sanxenxo durante o verán. Ademais, pídese que para o ano 2025 se reconsidere esta medida e se aumente o servizo de ambulancias na comarca para responder adecuadamente o incremento poboacional.
«Condenamos esta nova actitude de desleixo e discriminación por parte do Sergas, e esiximos solucións inmediatas antes de que teñamos que lamentar consecuencias máis graves», concluíu a deputada socialista.