A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra retomará o calendario de charlas deste ano o venres 30 de agosto en Abadín. O salón de actos da Casa do Concello acollerá a partir das 20:00 horas unha nova sesión na que o filólogo da Real Academia Galega Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada, lle explicará ao público o funcionamento desta ferramenta. A aplicación permítelles aos veciños e veciñas de calquera lugar do país rexistraren e xeorreferenciaren nomes de leiras, montes, camiños e outros microtopónimos tradicionais que corren o risco de se perder.
A intervención tamén abordará a orixe e o significado dos nomes das parroquias deste concello lugués, así como o que designa o propio municipio. A información etimolóxica elabórase coa colaboración do académico de número e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.
Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra é unha iniciativa do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega que se desenvolve co apoio da Secretaría Xeral da Lingua. A programación continuará en setembro con senllas charlas en Antas de Ulla e Salceda de Caselas. A cita no concello lugués será o venres 6 de setembro ás 20:00 horas na Casa da Cultura. En Salceda de Caselas a sesión desenvolverase o venres 13 de setembro, tamén na súa Casa da Cultura a partir das 20:00 horas.