O artista arxentino regresa á cidade para repasar os seus grandes éxitos a partir das 22.00 horas.
Ariel Rot, guitarrista, cantante, compositor e produtor musical arxentino, regresa este martes á Coruña para participar nas Noites de María Pita. A programación das Festas de María Pita 2024, creada polo Goberno de Inés Rey, prosegue a amosar gran variedade musical, con artistas para todo tipo de públicos e idades.
Nesta ocasión, a partir das 22.00 horas, Ariel Rot celebrará o 25 aniversario do lanzamento do seu primeiro disco en solitario: ‘Hablando solo’. Será unha actuación especial na que interpretará a maioría das cancións de aquel traballo, mais tamén repasará outros grandes éxitos da súa traxectoria.
Ariel Rot é un dos grandes referentes da música rock en español, formando parte de bandas do nivel de Tequila e Los Rodríguez. Nesta ocasión, sobre o escenario de María Pita estarán os compoñentes orixinais da banda que gravou en 1998 aquel primeiro disco.
As Noites de María Pita concluirán este mércores 14 coa actuación de Budiño, que ofrecerá un concerto moi especial no que contará coa colaboración de Mercedes Peón, Vega, Libeliñas e Tarandeiras e Nekane Louzao. Ademáis, Pansenfron serán os encargados de abrir a noite cunha actuación previa, ás 21.00 horas
Servizo especial de transporte
Co regreso das Noites de María Pita tamén volverá a habilitarse o servizo especial de transporte, que implica un reforzo das liñas de autobús operativas ao finalizar os concertos da praza. O dispositivo terá saídas centralizadas en Porta Real a partir das 23.30 e as liñas que se reforzarán serán as seguintes:
- Liña 1, con cobertura ás zonas da Palloza, A Gaiteira, Os Castros, O Castrillón e a avenida de Monelos.
- Liña 1-A, con cobertura ás zonas de Catro Camiños, a avenida Salvador de Madariaga, Matogrande e Eirís.
- Liña 3-A, con cobertura ás zonas de Labañou e Os Rosales.
- Liña 6, con cobertura ás zonas de Juana de Vega, praza de Pontevedra, avenida de Fisterra, O Ventorrillo e Meicende.
- Liña 7, con cobertura ás zonas de Juana de Vega, O Peruleiro, rolda de Outeiro, O Ventorrillo e Vila de Negreira.
- Liña 11, con cobertura ás zonas de Juana de Vega, praza de Pontevedra, Juan Flórez, Pla e Cancela e Os Mallos.
- Liña 21, con cobertura ás zonas de Ramón y Cajal, Pablo Picasso, O Birloque e Novo Mesoiro.