O delegado territorial, Javier Arias, explicou que se enmarca no obxectivo de facer máis accesibles, próximos e dinámicos os servizos de emprego.
A Xunta financia con 933.500 euros a contratación de 32 orientadores laborais en concellos e entidades sen ánimo de lucro de Lugo, achegando recursos para o emprego a distintos puntos do territorio e a sectores de actividade concretos.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a sede da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), entidade que resultou beneficiaria dunha axuda de preto de 121.000 euros para a contratación de catro orientadores. Arias explicou que o fortalecemento da rede de orientación laboral enmárcase no amplo proceso de modernización que o Goberno galego está a acometer para facer máis accesibles, máis próximos e máis dinámicos os servizos de emprego.
Neste sentido, sinalou que o obxectivo último da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración é mellorar a empregabilidade de galegas e galegos, mediante a mellora da cualificación profesional ao longo da vida, a través dunha formación flexible e adaptada ás necesidades do mercado e cunha orientación e asesoramento personalizados.
Ademais de Cogami, as axudas benefician na provincia de Lugo aos concellos de Ribadeo, Sarria, Lugo, Monforte de Lemos, Burela, Sober -que compartirá o servizo con Pantón e O Saviñao-, Quiroga -con Ribas de Sil e Folgoso do Courel-, Láncara -con Triacastela e O Corgo-, Pedrafita do Cebreiro -con Becerreá e Cervantes- e Cervo -con Alfoz e O Valadouro-. Tamén a entidades como Fademga (Federación galega de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento), o sindicato UXT, a Confederación de Empresarios ou a Fundación Laboral da Construción, entre outras.
Estes orientadores prestan asistencia e artellan medidas encamiñadas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego (inscritas no Servizo de Emprego de Galicia). Entre outras funcións, elaboran diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados, proporcionan información sobre o mercado de traballo e os distintos incentivos, deseñan itinerarios individuais e personalizados de emprego ou informan sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas.
Os seus contratos terán unha duración dun ano financiándose estes postos cunha contía máxima de 28.000 euros por cada técnico en orientación laboral incorporado a tempo completo e con 31.000 euros cando o contrato se desenvolva nunha entidade sen ánimo de lucro especializada na atención á discapacidade e/ou a persoas en risco de exclusión.