CCOO lamenta dúas novas mortes en accidente de traballo

por Óscar de Souto

Os falecementos de hoxe en Pontevedra e o martes en Santiago foron por caídas en altura, un risco do cal xa alerta o último informe do sindicato.

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia lamenta dúas novas mortes en accidente de traballo na comunidade autónoma: hoxe, mércores, en Pontevedra, e o martes en Santiago de Compostela. Sen prexuízo do que determinen as respectivas investigacións, CCOO lembra a importancia da prevención de riscos laborais nas empresas de calquera tipo e tamaño, así como as obrigas por parte dos empresarios canto á adopción de medidas destinadas a garantir a seguridade e a saúde das persoas traballadoras.

Dáse a circunstancia, ademais, de que estes dous sinistros fatais foron por caídas en altura, un risco do cal xa alertaba o último informe presentado por CCOO, o pasado mes de abril. Este estudo, que analiza a sinistralidade laboral Galicia no 2023, sitúa as caídas e os atrapamentos como a terceira causa máis frecuente de morte por accidente de traballo.

Dado que estes datos tamén son coñecidos pola Xunta de Galicia —a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral—, CCOO esíxelle á Administración autonómica que poña máis medios para garantir o eficaz cumprimento da normativa laboral nas empresas, intensificando as inspeccións e o labor de información, especialmente naquelas actividades que concentran o maior risco.

Por último, CCOO lembra que está a disposición de todas as persoas traballadoras para informalas sobre os dereitos que as asisten, tamén en materia de protección da seguridade e a saúde laboral.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario