O Concello culmina o plan de ampliación e mellora do sanatorio de focas do Aquarium Finisterrae

por Redacción A Coruña

A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá a instalación, que conta cunha nova piscina médica de illamento ideada para o seguimento da saúde das focas.

A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá o sanatorio de focas do Aquarium Finisterrae, onde xa remataron as obras de renovación e mellora promovidas polo Concello co obxectivo de dispoñer dunha zona de coidados máis preparada, versátil e segura á hora de atender as especies do acuario.

Cun investimento de 110.000 euros, o plan de melloras no sanatorio incluíu, por exemplo, a creación dunha nova piscina médica de illamento, recinto que contará cunha subministración continua de auga salgada. Ademais, habilitáronse dous espazos diferenciados, en húmido e seco, para tratar as focas segundo as súas necesidades de acordo co prescrito para algúns tratamentos, como pode ser a protección da luz exterior. Por outra banda, instaláronse portas corredeiras para pechar a área técnica de manexo dos animais e, desta forma, poder illar en seco as especies atendidas. Tamén se instalou unha pantalla visual para que as focas non estean tan expostas ao público durante a revisión sanitaria. 

En paralelo, o Concello acometeu melloras na área de acceso e paso do persoal que traballa na piscina exterior do Aquarium, mudando o firme por materiais máis sinxelos de limpar con auga e nivelando a zona de illamento en seco. 

As primeiras focas do Aquarium Finisterrae chegaron á instalación no ano 2000

Inés Rey destacou esta intervención do Concello polo que supón en termos de avances para o coidado das especies mariñas do acuario, «xa que o sanatorio de focas nos permite levar un seguimento médico, de saúde e benestar dos animais».

Neste sentido, na instalación realízanse exploracións dos exemplares, así como o seguimento dos seus procesos de recuperación tras enfermidades, así como máis cuestións vinculadas á hixiene. Por exemplo, trátanse ás focas afectadas por posibles feridas ou casos de conxuntivite, enfermidades comúns.

Actualmente, o Aquarium Finisterrae conta con 11 focas. As primeiras, Petra e Hansi, chegaron á instalación no ano 2000. A reprodución de exemplares no acuario posibilitou o nacemento de Deneb e Altair, as primeiras 100% coruñesas. Foi no ano 2003. «Por iso, co incremento progresivo da poboación existente, a ampliación do sanatorio fíxose necesaria», expuxo Inés Rey.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario