A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, presidiu este mércores o comité executivo e o consello de administración do organismo autónomo no que se aprobou a adxudicación das obras dun novo edificio da rúa Berbés e o concurso de alugueiro para un local comercial na rúa Real
O CCCV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia, adxudicou a reforma do edificio situado no número 39 da rúa Elduayen, tamén con saída ao número 16 da rúa Ferrería, por un importe de 1.209.290,61 euros. A nova rehabilitación permitirá construír cinco vivendas na parte alta do Casco Vello, onde hai unhas semanas finalizou a rehabilitación do edificio situado en Elduayen 31.
Ademais, o consello de administración do organismo deu o seu visto e prace ao concurso de alugueiro do local comercial situado na rúa Real 13, edificio reformado cun investimento de 605.150,50€ tras a súa adquisición polo CCVV en decembro de 2019. O baixo acollerá un centro de fisioterapia infantil que chega para aumentar a recuperación do barrio iniciada en 2022 con alugueiros a prezos módicos.
Ana Ortiz destacou a reactivación da zona grazas ao concurso público que permitiu adxudicar 20 locais. O proceso aberto polo organismo autónomo logrou revitalizar o Casco Vello vigués con diferentes negocios, a maioría artesanos, autónomos, profesionais liberais, editorais e colectivos culturais.
Seis promocións con 22 vivendas
O Consorcio Casco Vello, cuxo principal obxectivo é a rehabilitación do barrio histórico de Vigo, conta cunha partida total de 1.780.065 euros tras o desbloqueo do PAIF do próximo exercicio 2024. Desta cantidade máis do 87% teñen a consideración de investimento directo xa que se destinan á execución das obras de rehabilitación das vivendas propiedade do CCVV, correspondendo o resto a gastos operativos.
Foto portada: Arquivo