A “Sección Oficial” do FICBUEU amosará o mellor e máis recente cinema de autora e autor con 29 curtas de 18 países 

por Redacción Pontevedra

Tamén competirán unha vintena de películas de novas realizadoras e novos realizadores, estudantes de cinema e escolares

Festival Internacional de Cinema de Bueu, FICBUEU, descubrirá ás súas espectadoras e espectadores na súa décimo sétima edición un total de 29 curtametraxes do mellor e máis innovador cinema de autora e autor realizadas durante o último ano en todo o mundo. Entre o 6 e o 14 de setembro, a «Sección Oficial» do certame amosará ao público películas de distintos xéneros (ficción, animación, documental…) chegadas de 18 países: desde Brasil, Lituania, Estados Unidos, Filipinas, Portugal ou Bélxica Líbano, Estonia, Andorra, Italia, Alemaña ou Canadá, pasando por República Checa, Suíza, Reino Unido, Países Baixos, Francia España, representada por media ducia de curtas.

Estreas en España e en Galicia

A escolma realizada polo FICBUEU 2024 supón ademais unha oportunidade única para coñecer as últimas e máis interesantes propostas cinematográficas que se están a desenvolver a nivel internacional no formato curto. De feito, case a metade dos filmes a concurso no festival bueués (13 curtametraxes) son estreas en España e outros 11 proxectaranse por vez primeira en Galicia. A maioría das películas foron nomeadas e premiadas nos últimos meses en festivais de cinema tan prestixiosos coma os de Cannes, Venecia, Berlín, Róterdam, Clermont-Ferrand, Annecy, Chicago, Locarno ou o South by Southwest (SXSW) de Austin, en Texas (EE.UU.).

Xunto á categoría oficial a concurso, no FICBUEU 2024 hai outras seccións competitivas. Trátase de «Descubertas» «GZ_00», que permitirán ver o que están a facer as novas xeracións de cineastas, tanto en Galicia coma no resto do mundo, e de «Escolas de Cinema» «Centros de Ensino», que achegarán ao público do festival pezas creadas pola incipiente canteira cinematográfica. Entre as catro categorías, veranse unha vintena de curtas.

Máis aló das proxeccións

O FICBUEU 2024 voltará convidar ao público a participar nas diferentes actividades relacionadas coa sétima arte. Xunto aos coloquios con cineastas dalgunhas das películas seleccionadas a concurso, o sábado 7 de setembro chegarán as «Xornadas Cinematográficas». O festival inclúeas na súa programación por terceiro ano consecutivo coma espazo de reflexión sobre cinema. Nesta décimo sétima edición abordarán a súa relación coa política. Haberá unha masterclass a cargo do profesor de Filosofía Política Camil Ungureanu, á que seguirán unha conversa sobre o Holocausto e a Segunda Guerra Mundial -o acontecemento histórico e político máis representado no cinema- entre as críticas e programadoras cinematográficas Belit Lago e Daniela Urzola; unha mesa redonda online con parte do equipo do podcast «La escóbula de la Brújula» sobre o uso do cinema coma arte e ferramenta de propaganda; e un encontro co director Jaime Rosales (Petra, Girasoles silvestres) para analizar o cinema dos últimos 25 anos a través de temas clave coma o trunfo da distopía, os efectos da tecnoloxía ou a emerxencia climática. A xornada rematará coa proxección da película The Conversation, realizada en 1974 por Francis Ford Coppola, protagonizada por Gene Hackman John Cazale e cuxa trama xira arredor das escoitas coma método de espionaxe.

Outra das actividades programadas é o encontro que manterán co público o domingo 8 (12.00 horas) o realizador ourensán Rodrigo Cortés, o escritor súper vendas Juan Gómez-Jurado e o guionista e comunicador Arturo González-Campos, integrantes de dous dos pódcasts culturais máis interesantes que se emiten en España, «Todopoderosos» «Aquí hay dragones». Falarán do impacto do cambio que supuxo a chegada do son ao cinema. Esa mesma tarde, os tres asinarán libros nun evento ao que se poderá acceder de balde tras retirar o correspondente convite no despacho de billetes. Os pases estarán dispoñibles durante a mañá do domingo 8 e ata o inicio do acto.

Caderno #5 para Jonas Mekas e o seu cinema experimental

A participación de especialistas da sétima arte e o audiovisual complétaa o encontro que o público do FICBUEU terá coa profesora Nieves Febrer. É a autora do Caderno #5 do festival, que repasa a figura de Jonas Mekas, cineasta experimental, axitador cultural e pai do cinema de vangarda estadounidense. Presentarao o sábado 14 de setembro. O certame tamén lle dedicará a Mekas a sección «Retrospectiva», na que se proxectarán oito das súas curtametraxes.

Ese mesmo día farase entrega dos galardóns do FICBUEU 2024, entre eles o Premio Cinema Galego, outorgado á actriz viguesa María Vázquez en recoñecemento á súa traxectoria e á súa contribución ao cinema galego e estatal. Dende o luns 16 de setembro, co MINIFIC, regresarán as actividades infantís, as proxeccións para centros de ensino da zona de Bueu e a sesión de curtas en familia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario