A Deputación impulsa unha nova edición da Feira de Artesanía e Gastronomía de Castroverde 

por 21 Noticias

A Deputada de Economía, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, xunto ao Alcalde de Castroverde e Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, asistiu este domingo á décimo sétima edición da Feira de Artesanía e Gastronomía deste municipio. A institución provincial realiza unha achega económica de case 30.000 euros para colaborar con diversas actuacións, entre as que se enmarca este evento.

Durante toda a xornada, que como cada ano rexistrou numeroso público, celebráronse múltiples actividades, así como degustacións de pratos típicos locais. A Feira, na que tamén se incluíu unha concentración de motos e vehículos clásicos, deu comezo ás 10:00 horas e durante toda a xornada os veciños e visitantes puideron desfrutar de demostracións de oficios tradicionais e obradoiros artesanais.

Ademais, tamén tivo lugar unha actuación de música e baile tradicional a cargo da Asociación Cultural Falcatrueiros e unha representación teatral da compañía Teatro ó Cubo. A programación tamén incorporou un espectáculo circense de Sempre Arriba e unha actuación de maxia para rematar a xornada da man dos artistas Ian e Elisa.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario