Ambas as partes volverán a reunirse no mes de setembro. O Concello remitiralles novamente o proxecto.
O Palacio Municipal de María Pita acolleu esta mañá unha reunión de traballo entre representantes do Concello e do Real Club Deportivo para poñer en común a folla de ruta a seguir no proxecto de remodelación e ampliación do estadio municipal de Riazor, unha das 11 sedes deportivas aprobadas pola FIFA e a RFEF con vistas ao Mundial 2030.
A reunión, solicitada polo Real Club Deportivo, transcurriu nun ton cordial e supuxo unha toma de contacto, positiva, entre ambas as partes. Participaron, por parte do Concello, o voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez. Polo Real Club Deportivo tomaron parte o seu director corporativo, Jan Wappler, o responsable do departamento legal, Santiago Liste, o director de instalacións e seguridade, Iván Sánchez, e o director de comunicación do club branquiazul, Manu Sainz.
Neste sentido, o Concello comprometeuse a remitir novamente ao Real Club Deportivo o proxecto da candidatura da Coruña ao Mundial 2030, que inclúe a reforma do estadio de Riazor para cumplir coas esixencias plantexadas pola FIFA. O Concello lembra que o Deportivo coñece o proxecto en toda a súa extensión desde o inicio do proceso, sendo partícipe do mesmo. Non obstante, ante os cambios producidos no consello de administración da entidade, o Concello volveralles a remitir o proxecto para que o poidan avaliar de novo.
Está previsto que o Concello e o Real Club Deportivo volvan a reunirse no mes de setembro, nun encontro no que a entidade, que estudará o proxecto ao longo das vindeiras semanas, ten previsto trasladar as súas suxerencias e achegas no referente ao proxecto.