A Deputación da Coruña destina 114.639 euros para apoiar a 17 agrupacións de Protección Civil na adquisición de equipamento para mellorar o seu servizo

por Redacción A Coruña

A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión definitiva das axudas a agrupacións e asociacións de voluntarios de Protección Civil de concellos menos de 50.000 habitantes da provincia para realizar investimentos que impulsen o mantemento e o reforzo do servizo que prestan á cidadanía.

O importe total concedido nesta liña de axudas é 114.639,25 euros e benefician a un total de 17 agrupacións e asociacións da provincia, con importes que van desde os 4.000 aos 11.400 euros e que subvencionan ata un 80% das compras de equipos de comunicacións, equipos de rescate e salvamento, material de intervención en emerxencias, ferramentas ou equipos informáticos.

As entidades beneficiarias son as agrupacións de Protección Civil de A Pobra do Caramiñal, Abegondo, Betanzos, Carnota, Coristanco, Curtis, Muros, Muxía, Val do Dubra, Oroso, Mazaricos, Carral, Zas, Boiro e Negreira, ademáis de dúas asociacións de agrupacións de voluntarios, ás que se lles subvenciona a adquisición de equipos informáticos.

Estas axudas súmanse a outras 11 concedidas o pasado mes de xuño, por importe de 75.000 euros, para financiar actividades doutras tantas agrupacións da provincia

«A Deputación pretende con estas axudas apoiar o gran traballo que realizan as agrupacións de Protección Civil da provincia a través de programas consensuados coas propias agrupacións e atendendo ás súas necesidades máis directas, neste caso na dotación dos materiais que precisan para desenvolver o seu labor, pero tamén axudando a mellorar a formación dos voluntarios e voluntarias en cuestións como como prevención e atención a urxencias e emerxencias, manexo de radio e equipos de comunicacións ou pilotaxe de drons», afirmou a deputada responsable da área, Cristina Capelán.

Foto portada: Arquivo

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario