Mercé Barrientos afirma que levan todo o mandato insistindo ao goberno municipal na necesidade de facer labores de mantemento periódicas e de que se acometan estas tarefas con previsión suficiente.
O BNG de Muxía denunciou o estado de “absoluto abandono” no que se atopan as áreas recreativas de As Caldeiras do Castro, Fonte da Tella e Morpeguite, sinalando a responsabilidade do goberno local ante a falta de mantemento nas referidas zonas.
“Resulta abraiante que, a piques de rematar agosto, áreas recreativas do concello e paraxes de enorme valor paisaxístico e natural sigan cheas de lixo e con pasarelas que, por falta de mantemento, resultan un auténtico perigo para os usuarios”, subliñaron os nacionalistas, que indicaron que as Caldeiras do Castro son un exemplo, “con papeleiras cheas desde hai semanas e lixo ciscado, pasarelas de acceso podres e sen reparar converténdose nun auténtico perigo para a veciñanza e visitantes”.
Outra área que o BNG afirmou que se atopa en mal estado é a da Fonte da Tella, “coa senda que comunica o Río Negro coa praia de Area Maior nun estado que aconsellaría cortar o acceso para evitar accidentes ou, cando menos, sinalizar os lugares con táboas soltas ou aos que o verdello e a acumulación de desfeitos fai esbaradizos”. En canto a zona recreativa de Morpeguite, a formación nacionalista indicou que “as herbas invaden fonte, lavadoiro, muíño e área recreativa, co polideportivo impracticable e os vestiarios anexos vandalizados, sen que se fixera ningunha actuación para a súa posta en valor nin neste mandato nin no anterior”.
A voceira do BNG de Muxía, Mercé Barrientos, lembrou que “levamos todo o mandato insistindo ao goberno municipal na necesidade de facer labores de mantemento periódicas e de que se acometan estas tarefas con previsión suficiente”, ademais de insistir en que un executivo responsable poría en valor “un patrimonio tan extraordinario como o que temos, mais o desleixo do goberno municipal e a súa ineptitude provocan que se estea a dar unha imaxe de abandono e sucidade que non merecemos”.