A XXXIX Xuntanza Internacional de Gaiteiros renderá homenaxe á muller gaiteira, no Castelo de Monterrei

por Redacción Ourense

Esta homenaxe estará personalizada na figura de Áurea Rodríguez, considerada a raíña da gaita galega, nacida en Muntián (Cartelle) en 1897.

A XXXIX Xuntanza Internacional de Gaiteiros renderá homenaxe á muller gaiteira a través da figura de Áurea Rodríguez, nacida en Muntián(Cartelle) en 1897 é considerada a raíña da gaita galega por ser unha pioneira entre as intérpretes deste instrumento por ser a primeira muller documentada neste sentido.

O vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández; o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez; e o director da Escola de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo, presentaron hoxe os detalles do programa deste importante foro que reunirá nesta edición a máis de 150 participantes.

O evento, declarado de Interese Turístico e Cultural, celebrarase os días 30 e 31 de agosto, na Praza da Hermida de Flariz e na Explanada do Castelo de Monterrei, coa participación de destacadas gaiteiras internacionais de Suecia, Alemaña, Bulgaria e Escocia.

César Fernández salientou que esta Xuntanza é “a máis importante que se celebra en Galicia con persoas vinculadas ao mundo da gaita” e afirmou que para a Deputación é “un orgullo contar cunha institución como é a Escola de Gaitas e a Real Banda de Gaitas e ver como os concellos da provincia apostan pola defensa e valorización da nosa tradición”. Neste sentido, o vicepresidente segundo do goberno provincial felicitou ao Concello de Monterrei pola “súa defensa a prol da nosa cultura e da nosa identidade”.

Pola súa parte, o alcalde de Monterrei lembrou que a Xuntanza leva a celebrarse desde o ano 2007 de xeito permanente “na nosa Fortaleza, a acrópole máis grande de Galicia, sendo o broche de ouro á intensa actividade cultural que temos no noso municipio”.

Programa

Este evento cultural, que naceu hai case 40 anos como complemento ás actividades da Escola Provincial de Gaitas da Deputación, inclúe o 31 de agosto, unha serie de conferencias a cargo de gaiteiras dos diferentes países participantes, que terá lugar no Hospital dos Peregrinos, onde tamén se poderá visitar eses días a exposición fotográfica que estará dispoñible sobre a iconografía da gaita. Ademais, impartirase un curso de ornamentación na gaita e percusión que terá lugar na sede da EscolaProvincial de Gaitas o 1 de setembro.

A Xuntanza Internacional de Gaiteiros constituíuse, ao longo dos anos, como un prestixioso foro a nivel universal polo que teñen pasado os máis destacados gaiteiros de numerosos países de todo o mundo. A súa filosofía é traer a Ourense, desde as gaitas máis primitivas, ata aquelas máis cultivadas. 

Neste sentido, Xosé Lois Foxo explicou que esta Xuntanza marca o “inicio e a historia da Escola Provincial de Gaitas”. Un evento co que en cada edición “tratamos de traer a Ourense a persoeiros referenciais do mundo da cornamusa”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario