O PSdeG deu onte un paso máis na súa loita pola transparencia e a rendición de contas na xestión pública, rexistrando no Parlamento galego unha solicitude formal para obter toda a documentación relativa aos contratos menores, ordinarios e urxentes adxudicados polo goberno galego ás empresas Eulen e Universal Support entre 2018 e 2024. Esta petición foi realizada pola portavoz de Calidade Democrática e Transparencia do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, en virtude do artigo 9 do Regulamento da Cámara.
Iglesias sinalou a importancia de arroxar luz sobre estes contratos, en particular debido ás preocupacións crecentes sobre posibles conflitos de interese e favoritismo nas adxudicacións realizadas polo goberno do Partido Popular durante os últimos anos. Entre as solicitudes rexistradas inclúese a petición de copias completas dos expedientes de contratación, abarcando desde a formalización dos contratos ata as posibles modificacións, prórrogas e penalidades impostas.
O PSdeG insta á Xunta de Galicia a entregar toda a documentación solicitada coa máxima celeridade, para despexar calquera dúbida sobre a legalidade e transparencia destas adxudicacións. “Non podemos permitir que se siga ocultando informacións crave sobre a xestión de recursos públicos. É esencial que se esclareza se estas contratacións responden realmente o interese xeral ou se existen outros intereses en xogo”, salientou Iglesias.
O PSdeG xa solicitou previamente a creación dunha Comisión de Investigación para esclarecer os contratos millonarios adxudicados polo goberno do Partido Popular a empresas vinculadas con familiares e amigos dos seus dirixentes, como o caso de Eulen, que en só dous anos recibiu máis de 17 millóns de euros en adxudicacións. Esta nova solicitude de documentación reforza a determinación do partido na súa loita por unha xestión pública limpa e transparente.