CMAT. Catro blogueiros de viaxes pola Costa da Morte para promocionar os produtos turísticos do destino

por Óscar de Souto

Este blogtrip permitirá destacar a calidade da gastronomía, da cultura, da natureza e da artesanía local, combinadas co astroturismo

Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) organiza esta actividade de promoción turística na que convida a catro blogueiros de viaxes profesionais a percorrer diferentes lugares da Costa da Morte durante tres días. A iniciativa, que está financiada a través dun convenio de colaboración con Turismo de Galicia, levará aos blogueiros a percorrer diferentes concellos da contorna os días 29, 30 e 31 deste mes de agosto.

Catro perfís diferentes para destacar a Costa da Morte

As catro persoas que participarán nesta viaxe pola Costa da Morte levan anos dedicándose de xeito profesional aos seus blogs. Contan con millóns de visitas anuais nas súas webs, nas que falan de viaxes desde diferentes puntos de vista.

Leticia Pérez, de Trucos Viajeros, (@trucosviajeros en Instagram) é unha viaxeira apaixonada pola cultura local, curiosa da artesanía e das celebracións singulares dos lugares que visita.

Emma Sexto, de Un Mundo Infinito, (@1_mundoinfinito e @disfrutarcoruna en Instagram) dedícase á promoción turística de xeito profesional desde hai cinco anos e escribe sobre Galicia para medios dixitais.

Rafael Pérez, de Viajando el Mapa, (@viajandoelmapa en Instagram) recolle as súas visitas a Galicia e a outros lugares do mundo a través do seu blog, no que ocupan un lugar especial o sendeirismo e o enoturismo.

Por último, Dani Keral (@danikeral en Instagram) leva anos contando o seu xeito de viaxar en medios como Condé Nast Traveler, Yorokobu a Revista Salvaje e o seu propio blog, Un Viaje Creativo, que conta con numerosos premios. Dani realiza unha divulgación turística e de viaxes desde puntos tan diversos como a arte ou a antropoloxía, sempre desde un enfoque creativo.

O compromiso das administracións co turismo da Costa da Morte

Durante este blogtrip, visitaranse diferentes concellos da Costa da Morte, seguindo un criterio de equilibrio territorial. Neste sentido, os concellos que non se visiten nesta ocasión, serán visitados no vindeiro blogtrip de familias.

Estas iniciativas son posibles grazas ao financiamento de Turismo de Galicia a través dun convenio de colaboración coa CMAT, que será asinado no mes de setembro.

Este convenio é indicativo do forte compromiso dos concellos e de Turismo de Galicia co xeodestino Costa da Morte, xa que grazas a el será posible levar a cabo tanto estes blogtrips como o IV Encontro Anual de Turismo da Costa da Morte, que xa ten como data de celebración o 12 de novembro de 2024.

Nas próximas datas, a CMAT abrirá o prazo para que as empresas da Costa da Morte presenten as súas candidaturas para a celebración desta cuarta edición do Encontro Anual de Turismo.

Ademais, grazas a este convenio, tamén se desenvolverá un proxecto de posta en valor da artesanía local da Costa da Morte, así como outras actividades promocionais que están a ser planificadas pola directiva da CMAT.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario