A ANPA do CEIP Virxe da Luz de Portomarín continúa coas súas protestas

por 21 Noticias

Queren que se cubra a vacante da profesora de ingés e evitar os agrupamentos de tres cursos

.A ANPA do CEIP Virxe da Luz de Portomarín esta mañá cortou a ponte da estrada LU-633 de Sarria a Portomarín como sinal de protesta polos recorte de profesorado que se prevé para o curso 2024/2025. Dito acto foi comunicado á Subdelegación do Goberno que mandou dúas patrullas para garantira a seguridade. Despois a protesta continuou subindo a Capela das Neves, a Rúa Compostela ata chegar á Praza do Concello. Os manifestantes quixeron dar visibilidade á súa protesta cortando unha estrada do Camiño de Santiago e entrando no pobo polo itinerario que sigue o Camiño de Santiago, de feito, varios peregrino uníronse á protesta.

Esta protesta enmárcase nas reinvindicacións que está a realizar a ANPA de Portomarín debido a que para o curso 2024/2025, a pesar de ter un incremento de matrícula,  haberá só 2 aulas de Primaria en lugar das 3 que temos actualmente. A Xunta de Galicia fai un recorte de profesorado ao non cubrir a praza de especialista de inglés, polo que en lugar dos 5 profesores actuais, haberá 4 profesores.

Desta maneira, agrúpase o alumnado de Primaria de tres cursos: 1º, 2º e 3ª nunha clase; e  4º, 5º e 6º noutra; o que sen dúbida supón unha perda de calidade do ensino repercutindo no futuro dos nenos e nenas de Portomarín.

A Consellería de Educación incumpre o seu propio Acordo de Melloras respecto ao rateo do 11/10/23, que recolle que non se poden agrupar en Educación Primaria máis de 12 alumnos/as de primaria cando pertenzan a diferentes ciclos. Na aula prevista de 1º a 3º vai haber 14 alumnos, superando o rateo acordado.

Dende a ANPA do CEIP Virxe da Luz de Portomarín, sinala a súa presidenta Soraya González, “non podemos permitir que se fagan recortes na educación das nosas/os fillas e fillos. Non son números, está en xogo o seu futuro. Non entendemos que se incremente a matrícula e teñamos que sufrir recortes. Só pedimos que se manteñan as condicións do curso pasado. O investimento na educación dos nenos debe ser prioritaria sobre outros gastos. De verdade, polo custe dun profesor pódese prexudicar o futuro d@s nen@s e a perda de servizos no rural?”

Entre as actuacións que está realizando a ANPA para evitar o recorte de profesorado, xa houbo unha manifestación o pasado día 9 de agosto, estanse recollendo sinaturas para presentar a semana que ven ante a Xunta de Galicia, xa se dispoñen de máis de 1.200, e está prevista antes do inicio do o curso escolar; unha reunión do representantes dos pais, aínda sen confirmar data, coa Xefatura Territorial de Educación da Xunta de Galicia no colexio para tratar o tema, segundo trasladou a directora á ANPA.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario