Comezan as obras na estrada provincial que comunica Feira do Monte con Muimenta

por Redacción Lugo

Estas obras, que contan cun investimento da institución provincial de preto de 250.000€, afectan a un tramo de 6 quilómetros desde o inicio da vía, e consisten na limpeza das cunetas, drenaxe,pavimentación con aglomerado en quente e na sinalización.

A Deputación de Lugo vén de iniciar os traballos de rehabilitación do firme dun tramo da LU-P-1701, que é a vía que comunica en Cospeito Feira do Monte con Muimenta. Unhas obras nas que a institución provincial inviste preto de 250.000€ e que afectan a un tramo de 6 quilómetros desde o inicio da estrada, contribuíndo a mellorar a seguridade e a comodidade da circulación. 

As obras, que están a ser executadas pola empresa Cholo SL e que teñen un prazo de dous meses, inclúen unha serie de intervencións. Nestes momentos, a adxudicataria está a levar a cabo a limpeza das marxes da vía e a mellora do sistema de drenaxe para evitar acumulacións de auga. Tras rematar estas tarefas procederase á pavimentación da vía con aglomerado en quente, que ofrecerá unha capa de rodadura máis resistente e duradeira; e finalmente, completaranse os traballos co pintado e a sinalización horizontal.

Con esta intervención, a Deputación de Lugo mellora a comunicación entre a Feira do Monte e Muimenta, os dous núcleos máis relevantes de Cospeito. Ademais, esta vía comunica con outros puntos da comarca da Terra Chá e facilita o acceso o transporte de mercadorías que é moi frecuente pola numerosa actividade agrícola e gandeira desta comarca.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario