O ciclismo galego inaugurou o ano pasado o palmarés do seu Campionato de Galicia de Pump Track e as coroas que se repartiron en agosto do 2023 volven poñerse en xogo este sábado. A localidade coruñesa de Mugardos acolle a segunda edición da gran cita no calendario desta emerxente especialidade. Cunha cifra de participación que alcanza os 110 riders, o evento que terá como escenario a pista da urbanización Pazo das Condesas garante emoción e espectáculo.
O Pulpeiros Mugardos exerce de club anfitrión no Campionato de Galicia 2024 – 2ª Copa de Pump Track Concello de Mugardos. Os adestramentos oficiais arrancarán ás 15:00 horas, correspondendo a cada categoría un horario, e rematarán ás 17:00 h. A partir de aí, chegará o momento da competición con dúas quendas cronometradas.
Mugardos xa formou parte o ano pasado da primeira temporada federada do Pump Track en Galicia. Fíxoo sendo a sede dunha das xornadas puntuables para a Copa autonómica. Hai doce meses os mellores rexistros nesta vila da comarca de Ferrol marcáronos Sergio Veiga (20 segundos e 582 milésimas) e Alba Fernández (24”574).
O primeiro Campionato de Galicia desta especialidade celebrouse no 2023 no municipio pontevedrés de Mondariz. Alí entregáronse un total de dezaoito títulos. A nómina de corredoras e corredores que recibiron naquela estrea as camisolas da Federación Ciclismo Galego compuxérona: Sofía Núñez e Daniel Fernández en Promesa, Vera Rodríguez e Leo Díaz en Principiante, Inés Araújo e Daniel Díaz en Alevín, Ainoa Posada e Arón Gómez en Infantil, Yerái Peláez en Cadete, Alba Fernández e Xoel Pereira en Júnior, Uxía Álvarez e Sergio Veiga en Sub-23, Gemma Chapela e Alejandro Pérez en Elite, Beatriz Vicente e Pablo Míguez en Máster-30, Mónica Alarcón e José María Rial en Máster-40 e Alberto Pérez en Máster-50.