Lar de Artemis e Guido Guía organizan en Lugo, o 1 de setembro, un encontro cultural para iniciar o curso

por 21 Noticias

A asociación cultural Lar de Artemis e o proxecto Guido Guía organizan en Lugo, o vindeiro domingo 1 de setembro, un encontro cultural de benvida do curso 2024/25. O obxectivo da actividade, chamada «Benvidos a Lugo / Welcome to Lugo / Bienvenidos a Lugo» é que sirva como momento de intercambio cultural e de benvida ás persoas que xeralmente adoitan chegar á cidade nestas datas de inicio de curso escolar/académico e do fin das vacacións de moitos traballadores.

O evento consistirá nun paseo guiado para descubrir parte dos patrimonios e belezas lucenses, e nun picnic no que se farán xogos e se convidará a que cada persoa leve algún instrumento musical. Iniciará ás 16h00 na entrada do Parque Rosalía de Castro (xustamente onde está o busto de Rosalía) e o picnic terá lugar nun lugar do medio do percorrido.

Quen queira anotarse -gratuítamente- pode facelo a través do correo guidoguiaturismo@gmail.com.

A asociación lucense «Lar de Artemis» estableceuse no ano 2022 co obxectivo de ofrecer oportunidades de educación non formal para o crecemento persoal e profesional a través de proxectos europeos e actividades locais en Lugo. Cun foco claro nas novas xeracións, adícase a crear e impulsar programas que faciliten a participación da mocidade e dos traballadores xuvenís en iniciativas para a comunidade, promovendo o desenvolvemento de habilidades, o intercambio cultural e a inclusión social.

O proxecto Guido Guía é unha iniciativa turística e cultural centrada nas actividades guiadas (visitas, paseos, rutas) en Lugo e Galicia, pero tamén adicada á divulgación da historia e patrimonio galego e do mundo en xeral.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario