O sub-23 Manuel Rodríguez e o elite Cristian Lapido logran os maillots de campións de Galicia na Domaio Heroica – Desafío Delio Fernández

por Redacción Deportes

A terceira edición da Domaio Heroica – Desafío Delio Fernández ofreceu este domingo un espectáculo á altura do que se merece a proba dun día máis importante do ano a nivel autonómico, o Campionato de Galicia. Un fermoso e esixente percorrido con epicentro no concello de Moaña aproveitárono os corredores para brindar unha apaixonante carreira que se anotou o balear Marc Torres (Padronés Cortizo) e na que as dúas coroas que estaban en xogo cambiaron de propietarios. O ponteareán Manuel Rodríguez (Padronés Cortizo) fíxose co título sub-23 e o brionés Cristian Lapido (Team Oiense – Escuela Estévez) co elite. 

Dous ciclista convertéronse nos grandes protagonistas da xornada dende o treito inicial do percorrido de 149 quilómetros deseñado pola A.D. Punta Fondón, a entidade organizadora do evento. O ibicenco Marc Torres, gañador esta temporada da Copa Galicia Sub-23, e o manchego Jose Antonio Redondo (Avimosa – Chozas), exprofesional que chegou a lucir as cores do Astana, formaron un tándem que se consolidou á fronte da carreira antes do quilómetro 30. Despois dun arranque cheo de ataques, o dúo de cabeza gozaba dunha renda de 2 minutos á altura do km 50.

A primeira parte da Domaio Heroica – Desafío Delio Fernández transitou polos concellos de Vilaboa, Soutomaior, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas antes de regresar ao seu punto de partida, á parroquia moañesa de Domaio. Unha vez realizado o primeiro paso polo que posteriormente ía ser a liña de meta, dábanse dúas voltas a un circuíto no que se ascendía o Alto de Cruz da Maceira continuando ata o Lago de Castiñeiras en Marín. A dureza do trazado non pasaba factura á solidez de Torres e Redondo, pero si á unidade entre os seus perseguidores, establecéndose ata catro grupos. 

Escapada culminada

O representante do Padronés Cortizo e o do Avimosa Chozas comezaron a última volta con 1 minuto e 15 segundos de vantaxe respecto a Joan Martí Bennassar (High Level – Gsport), que rodaba en solitario, facendo de ponte entre os dous de cabeza e un selecto grupo que circulaba a 3’ dos primeiros. A boa colaboración entre Torres e Redondo permitiulles chegar xuntos á entrada en Domaio por Vilaboa, onde a falta de 1 km para a meta o sub-23 balear soltou ao seu acompañante para festexar o triunfo cun tempo de 3 h 43’46”. O terceiro posto non se lle escapou a Bennassar, dando presenza ao conxunto anfitrión no podio dunha carreira puntuable para os Rankings da Real Federación Española de Ciclismo. 

Unha vez que finalizaron os tres primeiros, a expectación mantívose na liña de meta para coñecer quen conquistaban as dúas camisolas do Campionato de Galicia. A sub-23 obtívoa Manuel Rodríguez, oitavo clasificado da proba e único galego da súa categoría no grupo que entrou a case 3’ do seu compañeiro Torres. O ponteareán xa se anotara este título no 2021. Outros 3’máis tarde concluíron oito ciclista entre os que Martín Rey (Padronés Cortizo) acadou a medalla de prata sub-23 e Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz), a de bronce. 

A resolución entre os elites foi ao esprint. Nun grupo que rematou a 7’42 do gañador absoluto, catro corredores pugnaron polo maillot autonómico que restaba por outorgar e a súa punta de velocidade impúxoa Cristian Lapido, proclamándose por primeira vez campión de Galicia. O de Brión conseguiuno por diante de Ángel Maneiro (Supermercados Froiz) e Juan Vidal (Lasal Cocinas – Craega), segundo e terceiro entre os galegos da categoría raíña, e de Jose Carlos Trillo (Teamo Oiense – Escuela Estévez), cuarto. 

A entrega de premios, coa ponte de Rande ao fondo, contou coa presenza de Delio Fernández, ciclista profesional do equipo APHotels & Resorts – Tavira; de Rubén Viéitez e Dani Costas, concelleiros de Moaña; de Lois Casás, secretario da Comunidade de Montes de Domaio; e de Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego. Dende a organización agradécese especialmente a colaboración prestada polo Club de Xubilados de Domaio, a Policía Local de Moaña, Protección Civil, Garda Civil de Tráfico e o concesionario Rodosa. 

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario