FAPACEL denuncia a pasividade ás demandas que lle plantexan a Xefa Territorial da Consellería de Educación da provincia de Lugo

por Redacción Lugo

FAPACEL remite un comunicado a os medios de comunicación denunciando a pasividade da responsable de Educación da provincia de Lugo. Comeza a volta de dúas semanas o curso escolar e a teor do descontento das ANPAS, todo apunta que vai ser movido.

Dende a FAPACEL seguimos agardando unha resposta da Xefatura Territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional en Lugo ao escrito que presentamos o 4 de agosto deste ano, no cal solicitabamos que nos remitiran coa maior brevidade posible, de xeito claro e conciso, co fin de informar ás ANPAS, unha aclaración sobre os cambios que van atopar nos seus colexios ao inicio do curso no referente aos novos rateos por aula e por agrupamento: os que se van aplicar a partires de setembro e en qué normativa ou acordo se basean.

En xaneiro deste ano a consellería asinou con varios sindicatos de ensino un Acordo de Mellora Educativa, no que se contemplaba, entre outros temas, unha redución progresiva de rateos por aula, medida que dende a federación e dende a confederación ANPAS GALEGAS á que pertencemos, nun principio, aplaudimos.

Nese acordo tamén tocábase un tema importante que foi a ponderación do alumnado con algún tipo de discapacidade dependendo do grado e tamén a novidade de que o alumnado repetidor computará para efectos de rateos; por outra banda, no que se atinxe aos agrupamentos, nese acordo de mellora, faise mención ao acordo do 2009 sobre agrupamentos e nada máis, un acordo que, en poucos casos chegouse a aplicar.

Agora estamos a ver que nin se está aplicando o asinado en xaneiro no que afecta ao alumnado nin o de rateos do 2009, porque semella que hai un novo documento que non somos quen de atopar, publicado en ningures?? pero que si afecta ao alumnado, especialmente ao dos colexios rurais.

Cando non obtemos respostas é difícil entender estas actuacións por parte da consellería, porque semella que, unha vez máis, o alumnado é o que menos importa desta historia, e o alumnado dos centros de ensino rurais, aínda menos.

E hai outro tema aínda máis doente; o alumnado que precisa algún tipo de apoio educativo ve reducida a súa atención porque no Acordo de Mellora Educativa, un dos puntos foi a redución de horas lectivas do profesorado e non chegan as horas para dar servizo de calidade a este alumnado.

Por iso insistimos na necesidade de respostas e sobre todo de solucións, talvez o nome do acordo asinado en xaneiro non é o axeitado, un Acordo de Mellora Educativa non pode comprometer a calidade do ensino que é, para desgraza de todos, o que estamos vendo. A educación pública require de compromiso coa sociedade e de inversión económica, por parte das administracións

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario