O Pump Track confirmou na segunda edición do seu Campionato de Galicia a condición de especialidade emerxente na nosa comunidade. A localidade coruñesa de Mugardos foi o escenario este sábado dun evento que reuniu a máis de cen participantes e no que se entregaron dez camisolas da Federación Ciclismo Galego (FCG). As voltas máis rápidas na gran cita autonómica asináronas de novo o sub-23 Sergio Veiga (Pontebike) e a júnior Alba Fernández (Val do Ulló).
O Pulpeiros Mugardos exerceu de perfecto anfitrión como organizador e a nivel deportivo non houbo sorpresas na pista da urbanización Pazo das Condesas, onde os tempos scratch corresponderon a dúas das grandes referencias do Pump Track estatal. O naronés Sergio Veiga, actual líder sub-23 da Copa de España, foi o único rider que ao longo da tarde baixou dos 21 segundos. O representante do Pontebike detivo o cronómetro en 20.232. Quen máis se achegou a este rexistro foi o tamén sub-23 Iván García (Val do Ulló), cunha marca de 21.035, e o terceiro posto absoluto ocupouno o vencedor cadete Leo Álvarez (Pulpeiros Mugardos) tras realizar unha das dúas voltas en 21.622.
No apartado feminino tamén retivo a coroa a dominadora no Campionato de Galicia celebrado en Mondariz. A redondelá Alba Fernández, líder júnior da Copa de España, impúxose esta vez na clasificación absoluta cun mellor ‘crono’ de 23.547. A corredora do Val do Ulló avantaxou en máis de 1” á cadete Ainoa Posada (Lynalfa-Ponteareas), segunda grazas a unha marca de 24.784, e en máis de 2” á elite Yuli Paola Rey (Kamikazes), terceira cun tempo de 25.988.
A nómina de dez ciclistas que recibiron os maillots da FCG, conmemorativos do Campionato de Europa de Ciclocrós que se disputará o vindeiro mes de novembro en Pontevedra, compuxérona a infantil Jimena Novo (Farto), o infantil Gabriel Pérez (Pulpeiros Mugardos), o cadete Leo Álvarez, o júnior Raúl Romero (A Forna), o sub-23 Sergio Veiga, o elite Javier Novo (BDM Bike Club), o máster-30 Carlos Díaz (CiclosQuintena), o máster-40 Francisco Lorenzo (Bike Ou Non Vai), o máster-50 Ernesto Martínez (5TH Pine) e Alba Fernández como gañadora absoluta feminina.
Durante a cerimonia de podio tamén se entregaron os premios das categorías da 2ª Copa Pump Track Concello de Mugardos sen títulos do Campionato de Galicia en xogo. Ao chanzo máis alto do caixón subiron Sofía Casal (Val do Ulló) e Álvaro Costas (BMX Cromoly) en Promesa, Sofía Núñez (Ribadumia) e Alén Hermida (Pulpeiros Mugardos) en Principiante, Carla Rodríguez (Pulpeiros Mugardos) e Iker Viéitez (Teis) en Alevín, Ainoa Posada nas cadetes, Alba Fernández nas juniors, Uxía Álvarez (Coruxo) nas sub-23, Yuli Paola Rey nas elites, Cristina Romero (Ribadumia) nas máster-40 e Rosa María López (Maese Ourense) nas máster-50.
A temporada de Pump Track na nosa comunidade non remata co Campionato. Aínda restan dúas citas puntuables para a Copa Galicia. A primeira delas chegarán o vindeiro sábado no concello ourensán de Pereiro de Aguiar.