Nos primeiros días de setembro executarase o reasfaltado da comunicación da avenida Breogán coa N-VI, da Fonte dos Ranchos e da rúa Quiroga.
Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo, anunciou que o Goberno de Lugo iniciará na semana do 2 de setembro as actuacións de renovación do asfalto en 3 viais da contorna da Avenida Breogán.
Arroxo afirmou que «continuamos a traballar nas zonas urbanas e periurbanas de Lugo cunha nova actuación que permitirá renovar o firme de tres viais cun importante desgaste debido ao intenso uso», e engadiu «continuamos coa mellora da contorna da Avenida Breogán, despois de executar o ano pasado unha renovación integral do asfalto desta».
O Goberno de Lugo renovará o asfalto da unión da avenida Breogán coa N-VI, a rúa Quiroga, e a praza Fonte dos Ranchos, construíndo unha nova capa de rodadura para o tráfico rodado baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, ademais da reconstrucción do firme en todo o seu espesor, para evitar novos defectos que afecten á capa de rodadura. Renovarase tamén a sinalización horizontal.
Os traballos realizaranse tratando de reducir ao máximo as molestias á veciñanza da zona, buscando sempre que as restriccións á circulación de vehículos duren o menor tempo posible. «Continuamos a traballar na
mellora dos barrios da cidade e dos accesos aos mesmos, mellorando a calidade de vida das veciñas e veciños que a diario utilizan estas rúas», afirmou Rubén Arroxo, que lembrou que nos últimos anos se
realizaron intervencións para mellorar os espazos públicos en todas as rúas e zonas da cidade, planificando as necesidades tanto a través das solicitudes das veciñas e veciños como das distintas visitas aos barrios.