A ANPA do CEP Xosé María Brea Segade de Rianxo, se non atenden as súas demandas, considerarán a posibilidade de non levar a fillos e fillas ao colexio

por 21 Noticias

A ANPA do CEP Xosé María Brea Segade manifesta unha vez máis a súa profunda preocupación pola situación crítica que afecta á aula de 3º de Primaria no noso centro. Desde o inicio do verán levamos solicitando solucións para a superación do máximo de 25 alumnos por aula, tal e como establece o Artigo 11 do RD 132/2010, do 12 de febreiro, e a elevada proporción de alumnos con necesidades educativas especiais (NEE) e necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) que se concentran nesta aula.

A pesar das reiteradas peticións e das mobilizacións que xa levamos a cabo, non temos recibido unha resposta positiva por parte das autoridades educativas. Actualmente, o colexio conta con 18 escolares con NEE e NEAE, dos cales 10 se concentran nesta única aula, representando un 40% do alumnado do curso. Esta situación esixe intervencións pedagóxicas específicas e individualizadas, que son imposibles de proporcionar nas condicións actuais.

Por esta razón, a ANPA reitera con urxencia as seguintes demandas:

  1. O desdobre inmediato da aula de 3º de Primaria, habilitando unha nova unidade e dotándoa dun mestre especialista en Educación Primaria a tempo completo, para garantir unha atención educativa de calidade.
  2. A designación dun especialista en Audición e Linguaxe (AL) a tempo completo no centro, para asegurar a adecuada atención do alumnado con NEE e NEAE.

Hoxe, mércores 28 de agosto, as familias afectadas reunirémonos para avaliar a situación e decidir as próximas accións a tomar. É imperativo que se atenda ás nosas peticións para garantir que todos os alumnos e alumnas teñan acceso a unha educación digna e adaptada ás súas necesidades.

De non obter unha resposta favorable de inmediato, estamos dispostos a tomar medidas máis drásticas, incluíndo a convocatoria dunha concentración o próximo 2 de setembro e mesmo considerar a posibilidade de non levar aos nosos fillos e fillas ao colexio.

Solicitamos que a Xefatura Territorial e a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos tomen as medidas oportunas para reverter esta situación e garantir o dereito a unha educación de calidade no CEP Xosé María Brea Segade.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario