Os populares reiterarán a iniciativa que levaron a pleno en setembro de 2023 solicitando que se abra de inmediato un proceso de revisión e,no seu caso, modificación do PXOM na contorna planificada polo PERI número 6.
A Xunta de Goberno Local aprobou, con data de 1 de marzo de 2023,un convenio coa Confraría do Carme e a Diocese de Lugo, para a cesión da parcela sita en Noriega Varela, por detrás da Capela do Carme durante un período de 4 anos. En dito convenio se autorizaba ao Concello de Lugo á execución das obras necesarias para ser acondicionada como aparcadoiro público.
Coa gran necesidade de aparcamento de balde que existe no centro de Lugo (principalmente xerada polas erráticas iniciativas do goberno local) e dispoñendo deste terreo aínda por tres anos mais dende agora, non se fixo nin se está a facer NADA para aproveitar os dereitos que dimanan deste convenio, nin tan sequera manter limpa a parcela, causando molestias aos veciños do barrio.
Sorprendentemente, o goberno local aprobou no mes de xullo facer requirimento dende o Concello á Xunta de Galicia para asinar outro convenio con igual obxectivo a maiores do que xa está en vigor, suponse que na idea de que a administración autonómica faga o que non é capaz de facer o concello e solucionar os problemas de aparcadoiro que xerou o goberno municipal.
A realidade, en agosto de 2024 é:
Que o Concello de Lugo dispón, e disporá durante 3 anos mais, dun terreo a carón da muralla para poder facer un aparcadoiro.
Que non fixo nada para que este dereito dos lucenses residentes, e os visitantes, se puidese materializar en prazas de aparcamento no centro.
Que non semella que nada se vaia a facer nos vindeiros 3 anos de convenio para aproveitar este dereito para os veciños.
Que o terreo atópase sen manter, coa vexetación descontrolada e causando molestias aos veciños.
A isto súmase o incumprimento da promesa da que hoxe é alcaldesa de Lugo acerca de traballar no desenvolvemento urbano do barrio do Carme, o que posibilitaría que se puidesen rehabilitar as casas alí existentes. A realidade, a día de hoxe, é que nada se ten feito para iso ocorra.
A xestión municipal céntrase en resolver problemas que non existen, coma a necesidade de novas infraestruturas sen uso nin demanda (carril-bici, edificio impulso verde, rúas que non soportan o paso dos coches, coliving para 3 artistas…), pero fuxe ou fracasa cando de resolver problemas reais ou difíciles se trata, como ocorre coa necesidade de aparcamento na cidade, ou calquera outro necesario.