Conclúen as obras de ampliación dos espazos para uso deportivo e de ocio do CEIP Otero Pedrayo da Laracha

por Redacción A Coruña

O Concello investiu nestes traballos 48.000 euros procedentes integramente de fondos propios municipais.

Cando comece o curso escolar 2024-2025 o vindeiro 11 de setembro a comunidade educativa do CEIP Otero Pedrayo, o colexio do municipio con maior volume de alumnos, disporá dunha nova zona libre para uso deportivo e de ocio integrada no centro de ensino e dispoñible para o seu desfrute durante o horario lectivo.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Obras, Pablo Cambón, desprazáronse ata o colexio para interesarse polo resultado dos traballos de acondicionamento dos 4.632 m2 de superficie que xa forman parte do ámbito do CEIP Otero Pedrayo e están situados na parte traseira do edificio de infantil. Os representantes municipais reuníronse nese lugar co responsable da empresa que executou as obras e co conserxe do colexio.

Os traballos comezaron coa demolición do antigo muro de cemento que facía de peche do colexio e o separaba da parcela que agora queda integrada nel, que xa contaba cun cerrado perimetral cun muro de formigón e de malla metálica. A continuación levouse a cabo o acondicionamento do terreo e o saneamento do espazo, que disporá de dousámbitos diferenciados. Un deles quedará cunha superficie compacta e o outro, con espazos verdes e arborizados que se plantarán nos próximos días, do mesmo xeito que se dotará con equipamento deportivo e mobiliario. Tamén foi construído un valado para protexer os depósitos de gasóleo do colexio que subministran os sistemas de calefacción e instalada unha rede de recollida de pluviais para favorecer a drenaxe do terreo. 

O investimento nestas obras superou os 48.000 euros, financiados integramente con fondos propios municipais coa finalidade directa de mellorar o CEIP Otero Pedrayo e ofrecerlle ao alumnado novas posibilidades e maior comodidade, xa que o centro vira sensiblemente reducidos os espazos libres nos últimos anos trala construción do edificio de infantil e do pavillón polideportivo cuberto.

Esta actuación enmárcase no Plan especial de equipamentos educativos dese centro de ensino. Cabe lembrar que o Concello adquirira as parcelas contiguas, que suman unha superficie total de 13.761 m2. Aproximadamente a terceira parte deses terreos foron obxecto desta intervención. O terreos restantes terán por destino, nunha actuación futura, a creación dunha nova entrada principal con espazos de aparcamento e manobra para os autobuses do transporte escolar, así como a mellora dos accesos rodados e a pé desde a estrada AC-552 pola rúa José Añón.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario