O portavoz de Sanidade da Executiva do PSdeG, José Manuel Miñones, expresou hoxe a súa profunda preocupación polo agravamento da situación sanitaria en Galicia e denunciou que, a pesar dos intentos do conselleiro e Rueda por negar a realidade, a situación nos centros sanitarios galegos segue empeorando.
Miñones sinalou que, ao longo deste verán, a sanidade galega sufriu unha notable degradación, con menos médicos, camas pechadas, e centros de saúde clausurados, o que levou a unha situación de colapso nas urxencias e a un aumento nas incidencias e crises sanitarias. «É evidente que o sistema sanitario galego está desbordado, e esta non é unha situación recente, senón que leva anos deteriorándose», afirmou.
O portavoz socialista tamén criticou a xestión do Partido Popular en materia sanitaria, cualificándoa de errada» e «carente de políticas efectivas: “A falta de blindaxe do sistema sanitario e os recortes continuos deixaron a Galicia nunha situación crítica.
Miñones lembrou que antes do inicio do verán, o PSdeG presentou un plan de renovación sanitaria con cinco eixos principais que foi ignorado pola Xunta. Nesta liña, sinalou que «algúns altos responsables do goberno autonómico deberían aprender a facer autocrítica e aceptar as recomendacións que desde o PSdeG ofrecémoslles”.
En canto á falta de médicos, Miñones destacou a necesidade urxente de incrementar os salarios dos profesionais sanitarios para que Galicia deixe de ser unha das comunidades que peor paga, e así poder atraer e reter a máis médicos en formación. Ademais, sinalou que na última convocatoria, Galicia foi unha das comunidades con menor cobertura de prazas, con 42 vacantes sen cubrir.
Miñones subliñou que outras comunidades autónomas, como Canarias, Murcia, Valencia ou Madrid, logran cubrir todas as súas prazas de médicos internos residentes (MIR) porque ofrecen mellores remuneracións, mentres que Galicia, sendo unha das que peor paga, é tamén una das que máis vacantes deixa sen cubrir.
O PSdeG esixe ao presidente da Xunta que non demore máis a implementación de medidas urxentes, incluíndo un aumento nos salarios e un plan de choque para reducir a burocracia nos centros de saúde, potenciar o uso da intelixencia artificial, e outorgar máis poder organizativo aos grupos de traballo dos profesionais sanitarios.
«Os galegos e galegas están cansados da apatía e berrinches. O que piden son accións concretas e solucións reais», concluíu Miñones.