Medio Rural pon en valor o traballo de produtores e adegueiros da Ribeira Sacra na Festa da Vendima do Saviñao

por Redacción Galicia

A celebración arredor do sector viticultor incorporou varias actividades sobre os produtos de calidade da comunidade, como a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo en valor os traballos de produtores e adegueiros da Ribeira Sacra na celebración da Festa da Vendima do Saviñao, onde estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; como a directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez. Ademais, neste evento, tanto a conselleira como director da Axencia foron nomeados “Dama e Cabaleiro da Orde de Mencía”.

Na liña de exaltación de produtos da nosa terra, a terceira edición da Festa da Vendima do Saviñao contou coa presenza dunha actividade por parte da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega que consistiu nunha demostración de cociña e maridaxe cos viños da zona. Tamén se levou a cabo un obradoiro de cata de uvas e viños e diferentes actuacións musicais amenizaron esta fin de semana as xornadas de celebración arredor da actividade viticultora.

O concello do Saviñao pertence á subzona xeográfica Ribeiras do Miño, nas que existen preto de 400 hectáreas de viñedo amparadas pola Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra traballadas por arredor de 800 viticultores. A metade destes profesionais proceden deste municipio lugués, no que se atopan 8 adegas ao abeiro da denominación. Nesta contorna, tamén é destacable a paisaxe, que xoga un papel predominante na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial pola Unesco.

No contexto xeral do sector, cómpre citar iniciativas que promoven a súa promoción e que apoian diferentes ámbitos. Un exemplo claro é a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que se complementa con diferentes liñas de axudas destinadas á reestruturación e reconversión de viñedo, a accións de promoción en terceiros países e tamén á elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas. En definitiva, un conxunto de achegas cun orzamento que ascende, neste 2024, a máis de 10 millóns de euros para o sector.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario