BNG exixe protexer economicamente as mariscadoras mentres a Ría do Burgo non recupere a súa capacidade produtiva plena

por 21 Noticias

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Iria Taibo, denunciou na Comisión de Pesca e Marisqueo o abandono do sector marisqueiro por parte da Xunta do PP e a falta de axudas como consecuencia da parada derivada das obras de dragaxe da Ría do Burgo.

A deputada nacionalista instou ao goberno da Xunta a asumir a coordinación co Ministerio de Transición Ecolóxica para protexer economicamente os mariscadores e mariscadoras mentres a Ría do Burgo non recupere a súa capacidade produtiva plena, elaborando, se fose preciso, os informes xurídicos e técnicos que sexan necesarios.

Taibo salientou que na actualidade, as traballadoras e traballadores do sector non só non están a percibir ningunha axuda desde o 26 de abril «data de finalización das obras de dragaxe», senón que aínda non recibiron as axudas comprometidas «desde o mes de xaneiro, debido a que as obras se prolongaron uns meses e as axudas non foron tramitadas a tempo».

«A Xunta de Galiza é a responsábel da área de marisqueo e, por este motivo, debe achegar algún tipo de axuda ao sector», sinalou a deputada que exixiu ao goberno galego a facerse cargo das axudas ou dunha parte delas, mesmo elaborando ou encargando un informe instando ao Goberno do Estado a que se faga cargo das axudas e poñéndose do lado das 76 familias, 42 traballadores e traballadoras de a pé 32 de a flote, que viven da Ría do Burgo «e que agora mesmo se atopan nunha situación límite, sen poder traballar e sen ningunha solución por parte de ningunha das administracións implicadas».

«A administración galega debe velar polos recursos marisqueiros e polos intereses das persoas traballadoras das rías» concluíu.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario