Aprobada a renovación do Carril dos Loureiros, que completará a peonalización do barrio de Recatelo

por Redacción Lugo

Rubén Arroxo: «levamos meses traballando en rematar a renovación de Recatelo cun proxecto que avance na creación de novos puntos verdes e a instalación de novo alumeado de baixo consumo».

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que se vén de adxudicar a renovación integral do Carril dos Loureiros, un proxecto que a Tenencia de Alcaldía executará co obxectivo de «avanzar na mellora do barrio de Recatelo despois de peonalizar practicamente todas as súas rúas», explicou
Rubén Arroxo. O Tenente Alcalde lembrou que desde a área de Mobilidade e Infraestruturas se mantiveron distintas xuntanzas con veciñas e veciños da zona «para contar co consenso da veciñanza á hora de
elaborar o proxecto, atendendo ás necesidades da xente que reside na zona para crear un novo espazo útil».

O proxecto elaborado pola área de Mobilidade contempla a conversión desta rúa nunha plataforma única de preferencia peonil, mantendo o acceso a vehículos a baixa velocidade para residentes e carga e descarga. Tamén se actualizarán os servizos soterrados, como o abastecemento ou o saneamento, e habilitaranse novas zonas verdes para, segundo explicou Rubén Arroxo, «facilitar que haxa zonas de sombra ao longo da rúa que permitan desfrutar da zona de paseo en xornadas de calor». Ademais, o Goberno de Lugo avanzará na instalación de alumeado LED, «garantindo un alumeado de baixo consumo e uniforme en toda a rúa», explicou o Tenente Alcalde.

A Xunta de Goberno aprobou hoxe a contratación destaobra, cun orzamento de 367.346,38€, coa previsión de iniciar os traballos despois das festas do San Froilán, «reducindo así as molestias á veciñanza nas datas de maior afluencia en Recatelo», afirmou Arroxo, que engadiu «con esta actuación, Recatelo consolídase como unha importante zona de paseo entre o centro e o Parque de Rosalía, ao mesmo tempo que melloramos os servizos e a calidade de vida da veciñanza».

Alumeado ornamental das festas de Nadal e San Froilán

Na Xunta de Goberno de hoxe aprobouse tamén a contratación do alumeado ornamental nas rúas durante as festas de San Froilán e o Nadal. Rubén Arroxo destacou que «Lugo contou durante as pasadas festas cunha
iluminación espectacular a decoración en toda a cidade, este ano renovamos o contrato para seguir dando unha decoración de calidade á gran festa do outono galego e ás datas do Nadal».

De cara ás festas do San Froilán contarase con 896.810 leds nas rúas, mentres que no Nadal instalaranse 1.126.210 lámpadas. O alumeado contará con arcos luminosos, ademais de rótulos, decoración en farolas e teitos luminosos. De cara ao Nadal instalaranse tamén elementos decorativos nas principais praza da cidade, cun photocall, árbores de nadal e decoracións en farolas.

Ruben Arroxo explicou a importancia do alumeado xa que «convida á veciñanza de Lugo a moverse pola cidade e coñecer novos lugares que axudan a mellorar ao noso comercio e economía». O Tenente Alcalde
considerou fundamental «adornar con vistosa iluminación os espazos públicos máis significativos da cidade en datas festivas sinaladas, o que constitúe unha tradición fortemente arraigada e da que Lugo non é
allea».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario