Luis Menor enxalza o compromiso da Xunta co desenvolvemento das áreas empresariais na provincia 

por 21 Noticias

O presidente da Deputación, Luis Menor, asistiu hoxe á presentación do Plan de Ordenación do Solo Empresarial do Carballiño e Maside, actuación da Xunta de Galicia que suporá a ampliación desta área de actividade económica con mais dun millón de metros cadrados, sendo así o segundo da provincia.

Para Luis Menor, esta iniciativa constata o dinamismo da comarca do Carballiño como polo de atracción empresarial, abarcando máis territorio e a poucos quilómetros da capital provincial.

«Esta acción é unha máis das que vemos demandando, dada a posición estratéxica da provincia que nos sitúa en posición favorable para o asentamento de empresas, tendo en conta ademais a influencia do AVE», destacou o presidente. Ourense ten capacidade de atracción, engadiu, contexto no que situou tamén as ampliacións do polígono industrial de San Cibrao das Viñas e do parque empresarial de Pereiro de Aguiar, así como en Xinzo de Limia ou as previsións en Paderne de Allariz.

A dispoñibilidade de máis solo empresarial súmase ao compromiso da Deputación na colaboración para dotar de mellores servizos a estas áreas, como o aparcamento seguro no polígono de San Cibrao ou o apoio á reivindicación dunha terminal de mercadorías tamén neste espazo.

«O desenvolvemento empresarial é clave para loitar contra a despoboación e na Deputación estamos plenamente volcados con este obxectivo estratéxico», defendeu Luis Menor.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, culminou a clausura da xornada técnica informativa do plan estruturalmente do parque empresarial do Carballiño-Maside, que suporá a ampliación do xa existente no concello carballiñés e se estenderá tamén polo de Maside. En total, o novo parque empresarial terá un ámbito de actuación de máis de 1,2 millóns de metros cadrados. Unha actuación que, tal e como subliñou Rueda, responde á demanda crecente de solo industrial na zona debido a que o parque empresarial do Carballiño xa se atopa case ao 100% de ocupación. Nese sentido, destacou que esta ampliación non só contribuirá ao crecemento empresarial do concello, senón tamén da comarca e agradeceu tanto aos concellos implicados como á Deputación de Ourense a súa vontade de colaboración no proxecto.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario