O Concello de Cualedro verá melloradas as súas infraestruturas e servizos grazas á cooperación da Deputación, cunha previsión de investimento de 939.823,80 euros para o presente mandato grazas ás aportacións do Plan CooperOU e das axudas aprobadas polo Goberno provincial. Acompañado polo alcalde deste municipio, Luciano Rivero e membros da Corporación, o presidente visitou algunhas das obras que se están a acometer en virtude desta colaboración.
Luis Menor comprobou o estado das obras de reforma e mellora dun inmoble destinado a servizos e vivendas sociais, para o que a Deputación aporta 81.000 euros, «unha novidosa iniciativa que recupera un edificio con todos os requisitos de eficiencia e sostibilidade, onde se instalarán tamén os servizos sociais do Concello ademais de dúas vivendas».
Tamén visitou Menor o novo punto limpo, que dará servizo aos municipios limítrofes de Monterrei e Trasmiras, visita na que tamén participaron neste caso os alcaldes destes concellos. Trátase, en palabras do presidente provincial, «dunha moderna construción que dará un novidoso servizo que ata o de agora non existía e que afonda na xestión ordenada dos residuos á altura dos tempos actuais». Nesta actuación, cun investimento de 465.000 euros, a Deputación colabora con 165.000, mentres que o resto corresponde a unha achega da Xunta de Galicia.