O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o espazo onde se realizará a actuación, cofinanciada mediante a orde de achegas aos concellos galegos para mellorar os seus parques industriais.
Esta nova axuda súmase aos case 200.000 euros concedidos nos últimos anos no marco deste mesmo programa para acometer melloras nas infraestruturas viarias do polígono monfortino, entre as que destaca o acondicionamento e ampliación dun camiño público co fin de pechar o parque polo lado Leste.
«Trátase dunha convocatoria anual para contribuír a potenciar os polígonos e fomentar o asentamento de novas empresas que creen emprego», apuntou Arias. No ámbito da Zona Sur da provincia, Chantada tamén recibe apoio en 2024 para intervir na rede viaria do seu parque empresarial.
As achegas teñen un límite máximo de 120.000 euros por proxecto e van destinadas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde, así como á mellora de infraestruturas viarias -estas últimas son as actuacións máis demandadas -.